O San Mamede de Ocastro

A igrexa é un dos exemplos máis sobranceiros do románico en Trasdeza

Procesión ata o cruceiro situado na aba do castro.   | // D.G.A.

Procesión ata o cruceiro situado na aba do castro. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

daniel gonzález alén

Desde Silleda a Carboeiro, Ocastro é a primeira parroquia que cruza o viaxeiro no seu camiño e hai que deterse aquí para visitar o castro prehistórico que deu nome ao lugar, tomar nota da súa fermosa igrexa románica e admirar a sinfonía de verdes que ofrecen estas terras, sucadas polos regatos que van ao Deza. O que xa non se detén na parroquia é o tren, que aquí ten a estación da vila de Silleda e leva décadas abandonada, camiño da ruína total. Cando se construiu a estrada que leva a ela, no 1946, atoparonse varias pezas cerámicas primitivas, pesas, muíños de man, tégulas e o mais importante de todos: unha cabeza de esteatita, estudada e catalogada como un extraordinario exemplar da escultura castrexa, que dende entón se exhibe no Museo de Pontevedra.

Misa na igrexa de San Mamede. |   // D.G.A.

Misa na igrexa de San Mamede. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

A Ocastro levounos nesta ocasión a celebración da festa do San Mamede, o patrón da parroquia e a da Nosa Señora da Natividade, celebradas a pasada fin de semana en dúas xornadas, adiantando as propias do 8 e 9 de setembro que se facían ata hai pouco. No século XVIII tamén honraban a Santa LucÍa, pero perdeuse a devoción, aínda que queda a vella imaxe. Tiveron misas solemnes oficiadas polo párroco José Katanga e cantada polos Sin Son Ghaiteiros a do domingo. O mesmo grupo de gaitas, tocou na procesión dende a igrexa ata o cruceiro que está na aba do castro, portando os maís devotos as imaxes do patrón e da Virxe da Natividade e despois ofreceu un concerto a sombra dos carballos e sobreiras do campo da festa. O sábado a música puxérona a Banda Municipal de Silleda, a charanga BB e houbo unha churrascada popular.

Portada medieval na Casagrande . |   // D.G.A.

Portada medieval na Casagrande . | // D.G.A. / daniel gonzález alén

A igrexa de San Mamede, doada ao mosteiro de Carboeiro no século XII, é un dos exemplares máis sobranceiros da arte románica nas terras de Trasdeza. Dunha soa nave e ábsida rectangular, na fachada presenta fiestra e porta de arco semicircular, con columnas de fustes monolíticos e capiteis vexetais. A ábsida apóiase sobre bóveda de canón e dobre arco triunfal de medio punto, sobre columnas de capiteis con figuras zoomorfas e quiméricas. No muro do adro poden verse elementos decorativos saídos desta igrexa románica, interesantes canzorros e doelas e tamén se podía ollar unha escultura cunha cabeza da época romana, atopada en Refoxos e colocada aquí entre ornamentos románicos, que retratamos nós nos anos oitenta e alguén pouco despois, espoliou aproveitando o illado do lugar. Preto da igrexa, na casa de Nicasio do antigo lugar de Negreiros, localizamos en tempos recentes un canzorro románico chantado na parede, coa figura da cabeza dun boi, saído da igrexa e reaproveitado aquí hai un par de séculos. Entre a igrexa e a estación do tren, está a arruinada da casa reitoral, sepultada polo mato, e con ela mobles, libros e documentos que ninguén se ocupou de salvar.

Ídolo de Ocastro que se exhibe no Museo de Pontevedra. |   // D.G.A.

Estado da estación de tren. / daniel gonzález alén

Fronte a igrexa está a fortaleza castrexa, coñecida como A Copa, que conserva a maioría dos seus elementos defensivos que os veciños se encargan de manter. Sobre a croa deste castro ergueuse séculos atrás, unha pequena igrexa románica que cambiaría de emprazamento logo de que, segundo conta a tradición oral, nela fora asasinado hai un cura cando misaba, relato que noutra ocasión habemos ofrecer con mais detalle. Estaba na croa do castro e de camiño a ela erguese un cruceiro procesional referido, onde chega a procesión dende a igrexa actual, coma lembrando o vello templo e mesmo a unión das culturas pagán e cristián que se producía en Galicia nos primeiros séculos da nosa xeira.

Ídolo de Ocastro que se exhibe no Museo de Pontevedra. |   // D.G.A.

Ídolo de Ocastro que se exhibe no Museo de Pontevedra. | // D.G.A.

Vai para tres anos unha informadora de Ocastro dounos razón da existencia dunha antiga portada nunha vella casa a pe do camiño que ven da igrexa, que fomos ver daquela e repetimos agora. Tratase dunha casa señorial coñecida coma a Casagrande de Ocastro, que malia estar medio arruinada xa tiña chamado a nosa atención anos atrás, polas súas dimensións e canterías, portalón de acceso e solaina, así coma o amplo saído e vello hórreo de tres claros, pero non reparamos no interior, onde se atopa unha portada medieval de feitura semicircular, ben decorada con lóbulos pola parte inferior, que coidamos que pode ser do século XV ou XVI. Ben puido pertencer a unha construción anterior, mesmo unha torre, e ser reaproveitada na construción desta casa que semella ampliada no século XIX a xulgar polos esgrafiados que ten nas paredes. Case seguro que se trate da que fora casa solar dos poderosos fidalgos de apelido Negreiros, que moraron nesta parroquia e dos que hai pouco publicou un interesante traballo no “Descubrindo XIV” do SED, o historiador local Daniel García Coego, que recomendamos consultar.

Suscríbete para seguir leyendo