No lar do arquitecto Pedro de Monteagudo

Nado na parroquia cerdedesa de Castro, Pedro de Monteagudo Piñeiro é figura cimeira da arquitectura barroca do século XVII

Membros do colectivo Capitán Gosende en cas de Pedro de Monteagudo.

Membros do colectivo Capitán Gosende en cas de Pedro de Monteagudo.

Calros Solla

O mestre de obras Pedro de Monteagudo Piñeiro naceu no quinteiro da Caramoniña, lugar da Aldea de Riba, aldea de Castro do Medio, parroquia de Castro (Cerdedo). Consonte os apuntamentos biográficos ofrecidos por A. Rodríguez Fraiz e Mª A. Tilve Jar, o avantaxado arquitecto veu ao mundo cara ao ano 1633 e faleceu cara ao ano 1700.

Pedro de Monteagudo Piñeiro era fillo do mestre canteiro Pedro de Monteagudo Castro e de Dominga Piñeiro Taboada, veciños do devandito rueiro da Caramoniña; e irmán dos tamén mestres canteiros Benito e Domingos de Monteagudo Piñeiro.

Pedro de Monteagudo Piñeiro casou con Estefanía Feixoo Araúxo, outorgándolle continuidade a unha nutrida saga de construtores, entre os que salientamos a tres dos seus fillos: Pedro, Antonio e Francisco de Monteagudo Feixoo, todos eles afamados mestres de obras nados na aba fértil de Castrodiz. Por alusións, Pedro de Monteagudo Feixoo, o primoxénito, encargaríase en 1697 do proxecto de restauración da ponte do Burgo, en Pontevedra; e, ao ano seguinte, da construción da ponte dos Madeiros ou de Valoutas, sobre o río Lérez, no limiar de Cerdedo.

O cerdedés Pedro de Monteagudo Piñeiro é unha das figuras cumiais da arquitectura barroca do século XVII. Da súa inspiración xurdiron, por exemplo, a igrexa mosteiral de Santa María de Sobrado dos Monxes, a portada da igrexa mosteiral de San Xoán de Poio, a capela da Conceución do pazo de Teáns (Salvaterra).

Iniciouse na profesión da man do seu pai, participando na reconstrución da igrexa mosteiral de Oseira. Hai quen postula que os Monteagudo foron os artífices da portentosa bóveda plana que sostén o coro.

Entre 1674 e 1679 ocupouse na construción da fachada da igrexa mosteiral de Sobrado dos Monxes (portada e torres). Pedro de Monteagudo labra a súa sinatura no frontón cortado da igrexa. Ninguén dende o Mestre Mateo (séc. XII) fixera ostentación de autoría. En 1674, na mesma igrexa de Sobrado, conclúe a capela da Nosa Señora do Rosario, a súa obra mestra. Dende 1677 e até a súa morte afanouse na edificación dos máis elementos do novo templo de Sobrado.

Patamal, pía e cortellos.

Igrexa mosteiral de Sobrado dos Monxes. / Calros Solla n

Entre 1682 e 1685, executando os seus deseños, encargouse da construción da cúpula e lanterna da igrexa mosteiral de San Salvador de Celanova.

Dende 1685 dirixirá en Pontevedra –sobre planos alleos– as obras de construción do colexio dos xesuítas (actual Edificio Sarmiento do museo provincial); e dende 1691 até o seu falecemento, a igrexa de San Bartolomeu, anexa ao colexio.

Tamén en 1691 –seguindo trazas impostas– contratóuselle a feitura da fachada da igrexa mosteiral de San Xoán de Poio. O mestre Monteagudo modificou ao seu antollo o proxecto –engrandecéndoo, mais tamén dilatándoo e encarecéndoo–, polo que, dende 1695, preiteou cos frades bieitos; débedas que, tras o seu pasamento, os seus herdeiros víronse na obriga de satisfacer.

En 2012, co gallo da IV Feira de Artesanía e Etnografía do Incio, fun convidado a ler o pregón. Aproveitando a conxuntura, gabei a habelencia dos canteiros de Montes e, entre eles, a figura do inmorredoiro Pedro de Monteagudo, selleiro personaxe tocado xaora pola lenda:

Pedro de Monteagudo, que detentou o título de Mestre Mor de todas as Obras, Castelos, Fortalezas e Portos Marítimos do Reino da Galiza, desenvolveu a enxeñaría barroca até cotas insuperábeis de perfección e expresividade. O seu alcume, “o Home”, veu motivado pola grande admiración que lle profesaron os seus coetáneos.

Contan que Pedro de Monteagudo tivo por servente ou conselleiro un corvo falador e falangueiro. O paxaro, ao que lle tallaran o pingallón para mellor expresarse, era sabido en pesos e medidas.

O mestre Monteagudo non só escoitaba o corvo á hora de dimensionar unha obra, senón tamén cando tocaba calcular os orzamentos. Hai quen asegura que o corvo era tan dado a pechar acordos como propenso ás baixas temerarias. Isto xustificaría as moitas desavinzas entre o inspirado contratista e os seus mirrados contratadores, unha constante na súa vida.

É costume de canteiros cumpridores pórlle o ramo á obra, é dicir, coroar a edificación cunha póla de loureiro, celebrando o triunfo sobre as forzas gravitacionais. Encaixada a doela mestra, asentada a derradeira sobrepena, lixeiro o corvo pousaba o voo no verdecente ramallo e grallaba oufano: “Fíxome Monteaghudo! Fíxome Monteaghudo!”.

Fose ou non certa a existencia do extraordinario corvo aparellador, para os de Cerdedo énos aínda máis abismante que Monteagudo levase a termo as súas perdurábeis edificacións sen casemente ler e escribir, estampando sempre na requisitoria contractual o seu visto e prace cunha humilde cruz “X”.

Con gozo, recibín de Sobrado dos Monxes a noticia da existencia da sinatura do egrexio mestre Monteagudo na portada da igrexa do mosteiro, escribida en pedra sobre o fornelo da Virxe da Asunción: Monteagudo me hiço. 1676. Velaquí, o grallar do corvo (léase en As pedras da tribo, 2014).

O pasado 11 de agosto, acompañados polo correspondente do colectivo Capitán Gosende na parroquia de Castro, visitamos a casa natal do eximio arquitecto, no rueiro da Caramoniña (Castro do Medio). Na actualidade, dito inmóbel é unha vivenda tradicional dividida en dúas seccións. A sección oeste está reformada e en perfecto estado de habitabilidade mentres que a sección leste –a nº 44–, malia permanecer en pé, deveu inhabitábel. Ambas seccións están (ou estiveron) comunicadas a través de dúas portas medianeiras –hogano, tapiadas–. Dedúcese doadamente que no século XVII, o lar dos Monteagudo abranguía a sección oeste (a habitada) e mais a sección leste (a arruinada): uns 154 m2 de superficie. A aba leste (a cociña do forno) foi en tempos unha dependencia da aba oeste, a vivenda principal. Así e todo, non se enganen, o seu feitío e volume dista moitísimo da magnificencia, altura e solidez das obras de Monteagudo; tal como se di: En casa de ferreiro, coitelo de pau.

Lareira, forno e lacenas.

Exterior da casa natal de Pedro de Monteagudo. / Calros Solla n

As xestións do noso amábel correspondente permitíronnos acceder ao interior da sección leste (X: 547.004; Y: 4.712.065), comprobando que fora obxecto dunha primorosa limpeza e acondicionamento. Este oportuno labor facilitounos estudar a vontade as características da edificación.

A sección leste do inmóbel ergue paredes de cachotaría granítica duns 65 cm de grosor, con cuberta a dúas augas (hoxe, inexistente). Para o concerto de portas e ventás destináronse boas pezas de perpiaño. A planta do edificio axústase á forma cadrada (5’45 m x 5’23 m; superficie interior: 28’5 m2). A altura máxima das paredes interiores –até o bico do pinche– é de 5 m; a altura mínima acada os 3’60 m. O chan empedrouse parcialmente con lousas irregulares. A superficie lousada, ocupada pola lareira e o forno, é duns 16’7 m2. Este espazo situábase baixo o faiado ou o canizo. O centro do lastrado está ocupado por unha moa de cabaceiro (canastro de vergas) duns 140 cm de diámetro, habelencioso exemplo de reutilización de materiais. Para conseguir o seu encadramento, a moa foi recortada lateralmente. En orixe, o cabaceiro armaba uns 20 fumeiros, conservando aínda a metade dos furos. A superficie terreña, destinada a cortellos, ocupa o fondo norte da estancia e esténdese (leste-oeste) todo ao longo do piso (5’45 m x 1’53 m; superficie: 8’3 m2). Este espazo situábase baixo o sobrado, estancia que foi de pequenas dimensións. Consérvase a trabe sustentadora.

A porta principal, pola que accedemos, ábrese na parede sur, e mide 187 cm de alto e 90 cm de ancho. Por fóra, a parede sur precédese de alboio. Xa no interior, apegado á parede sur da construción, á esquerda da porta, dispúxose un banco corrido de pedra (185 cm de longo x 45 cm de ancho) sobre dous peciños. Situouse o banco por detrás da lareira (193 cm x 90 cm) e por diante da parrumeira. Embutida na parrumeira bocexa unha lacena porteleira de dous andeis. Por debaixo do sentadoiro encaixouse unha pía, empregada como borralleira. A lareira carecía de cambota e cheminea, e pola dereita pechábase lateralmente cun tabique de madeira, cuxas táboas ensamblaban na rañura dun perpiaño soarego.

Na parede oeste da construción abríanse outras dúas portas, medianeiras e comunicantes coa sección oeste: unha ao nivel do chan, outra ao nivel do sobrado. Como dixen, ambos os dous vans foron tabicados con ladrillo. Apegada a esta parede interior e a escasos centímetros da porta de entrada, ascende un patamal de pedra de sete pasos de escaleira: o primeiro, relanzado. O tramo de escaleira ten 95 cm de ancho e acada unha altura de 147 cm. O patamal semioclúe a porta inferior e acada o nivel da porta superior (dimensións do van: 182 cm de alto x 75 cm de ancho).

Membros do colectivo Capitán Gosende en cas de Pedro de Monteagudo.

Patamal, pía e cortellos. / Calros Solla n

Na esquina sueste da construción situouse o forno, á esquerda da lareira e do sentadoiro. A súa estrutura acada os 2’30 m de altura. O cuadrante frontal atinxe os 176 cm. A peche de bóveda érguese a unha altura de 95 cm. O diámetro da pedra forneira é de 110 cm. A porta do forno loce padieira en arco; amais: tornalume, beirado-pousadoiro e fornalleira.

A parede leste proveuse dunha lacena, aconchegada ao forno, e dunha ventaíña de van abucinado. Antepeito plano (43 cm de fondo). Dimensións exteriores do van: 47 cm de alto x 36 cm de ancho.

No lar do arquitecto Pedro de Monteagudo

Lareira, forno e lacenas. / Calros Solla n

Na parede norte regaña un tragaluz para alumar e airear os cortellos. Un tabique de madeira dividía a peza en dous cubís terreiros; un tabique frontal afastaba a porqueira do lousado. O cortello da esquerda dotouse dunha pía de pedra. A maseira encáixase baixo o patamal, alicerzándoa, e, pasante, antecedía o taboado frontal, permitindo verter as lavaduras dende a cociña. Por riba dos cortellos, a nivel do sobrado, ábrese unha ventá e embútese unha lacena de dous andeis.

Hoxe, no lar dos Monteagudo chove coma fóra.

O berce humildoso da Caramoniña acolleu o privilexiado enxeño dos Monteagudo, canteiros facedores de prodixios. Moito se gababa o chorado Manuel Monteagudo da súa ascendencia. Manuel Monteagudo, cronista da parroquia de Castro falecido en 2018, explicoume que os coevos do arquitecto enxalzaban a súa mestría, razoando que o apelido significaba “de mente aghudo”. Hoxe, na aldea natal de Pedro de Monteagudo apenas se garda memoria de tan eminente veciño, mais, non desfalezamos, pois alí onde ameace o esquecemento haberá grallar o corvo con insistencia: “Fíxome Monteaghudo, fíxome Monteaghudo!!”.

Non hai canteiros no mundo

coma os canteiros de Montes;

eles beben do bo viño

e o patrón, auga das fontes.

Suscríbete para seguir leyendo