Ponte Ledesma gáñalle a batalla ao esquecemento

Os veciños das dúas beiras do Ulla recrean as contendas de 1809 contra os franceses

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

“Suelo. Nada más. Suelo. Nada menos. Y que te baste con eso. Porque en el suelo los pies hincados, en los pies torso derecho, en el torso la testa firme, y allá, al socaire de la frente, la idea pura, y en la idea pura el mañana, la llave —mañana— de lo eterno. Suelo. Ni más ni menos. Y que te baste con eso”.

Estes versos son de Pedro Salinas, e aínda que son moi posteriores á Guerra da Independencia, resumen moi ben o amor pola súa terra que demostraron os veciños do entorno de Ponte Ledesma cando tentaron frear, na primavera de 1809, o avance do exército francés. Non foron versos de Pedro Salinas, senón de Xosé Neira Vilas, os que recitou este domingo Manoele de Felisa durante a recreación desas contendas do 6, do 8 e do 9 de marzo, nun evento organizado polo Concello de Boqueixón coa colaboración da Xunta.

Dende 2018, cunha interrupción en 2021 polo coronavirus, Gres, A Ponte e outras localidades de Boqueixón reviven este capítulo da historia local, e a de antonte foi a segunda recreación a lo grande, pois acudiu por segundo ano consecutivo a Asociación Heroes de Casaldeirigo, de Valga, dando vida a un exército francés comandado por Michel Ney. Este mariscal volveu ser representado polo actor sueco Daniel Lindh, que ademais fixo de emisario francés para tentar negociar cos lugareños.

Un canón e o Batallón Literario

Pero non houbo acordo entre invasores e invadidos, nin fai 214 anos nin antonte. Suso Martínez, convertido unha vez máis en Benito Martínez, un dos capitáns do Exército de Trasdeza, foi narrándolle a un numeroso público unha batalla da que se garda abondosa documentación grazas a outras dúas persoas que, como Neira Vilas, xa non están entre nós, pero que son inmortais pola súa loita contra o esquecemento do noso pasado: o párroco da Bandeira, José Espiño Matos, e o politico e abogado Roberto Rivas Martínez. O primeiro non tivo reparos en permitir o acceso a todos os documentos que posuía e o segundo, ademais, foi quen pagou o monolito que loce á entrada a ponte, do lado de Gres.

Así, da man de Suso Martínez e de Manoele de Felisa, público e actores puidemos revivir a entrada do exército galo, a morte dos voluntarios do Batallón Literario (outra das novidades deste ano), a reunión dos petrucios, baixo a coordinación de José María Rivas de Taboada (encarnado por Manolo de Adolfo) para acordar, finalmente, que había que ir á guerra e encargarse de organizar as tropas dos labregos. Estes labregos, antonte, non se enfrontaron aos franceses na ponte, como si ocorreu en 1809, senón no Campo do Río, para poder darlle maior visibilidade.

Desfiles con redoble de tambor

Pero a ponte xa tivera o seu momento de protagonismo, co desfile a redoble de tambor tanto do exército francés como do Batallón Literario, os petrucios e a xente da aldea, entre a que había un neno e unha nena, veciños de case 80 anos e moitas mulleres, armados todos eles con apeiros de labranza e tamén cunha orografía que, no seu momento, axudou a frear, de xeito temporal, as tropas de Napoleón. E se fai 214 anos a ponte foi quen de separar dous exércitos, antonte, volveu unir persoas porque, como dicía Neira Vilas, trala batalla deste domingo todos sentimos que “eu son deste anaco do mundo”, como reza outro monolito, o das Insuas de Gres.