San Xoán de Palmou e San Paio de Senra, festas sen música

A parroquia lalinense presenta unha igrexa románica moi reformada e na cambota desapareceron os escudos

Daniel González Alén

San Xoán de Palmou e San Paio de Senra son dúas pequenas parroquias pertencentes aos concellos de Lalín e Rodeiro, respectivamente, que celebraron as súas festas patronais sen música; e no caso de Senra, sen sequera foguetes. Iso si, encheron as igrexas de devotos e nas casas houbo xantares con parentes e festeiros. Antes da pandemia aínda contaban con algunha agrupación musical para os dous días de festa do San Xoán, que levaban a fin de semana os de Palmou, e para o propio día de San Paio, os de Senra. Porén, tentamos darlles ánimos para as celebracións do ano vindeiro e poñemos aquí ambas as dúas festas ás que asistimos, aproveitando para recoller apuntamentos que nos achegaron os veciños e anovar as fotos de canto de mérito atopamos nestas parroquias que van minguando en habitantes, contando algo máis dun cento a de Palmou e escasamente unha trintena a de Senra, polo que non hai moito quen organice nin quen colabore nas festas patronais.

En Palmou houbo misa solemne nas dúas xornadas, dedicándose a primeira, que foi oficiada polo pai saletino Gerardo Comeau, ao San Xoán; e a segunda, ao Santo Antonio, que saíron en procesión coa Inmaculada ata o artístico cruceiro da entrada da aldea. Rematada a liturxia, coa colaboración do amigo Xosé de Rielo, que vén facendo de sancristán, aproveitamos para facer unhas fotos desta igrexa ben coñecida polo seu tímpano románico coa representación da loita de Sansón e o león. A composición, vendida hai cen anos, foi parar a un museo italiano e, hai pouco tempo, acabou sendo adquirida polo Museo de Pontevedra, que a custodia, conservándose unha copia no recibidor da casa consistorial de Lalín. A igrexa mantén no seu exterior parte da portada onde estaba o referido tímpano e unha variada colección de canzorros baixo a sopena; e no interior gárdase o cordeiro do Agnus Dei, sen cruz antefixa, onda a pía bautismal románica. Baixo o altar atópase un capitel con motivos vexetais, facendo de floreiro, que debeu ser da porta principal ou do arco triunfal, aproveitado na igrexa actual cando se ampliou na época do barroco. Tamén se poden ollar algúns restos de elementos románicos chantados nos muros, parte dun baldaquino na espadana e un sepulcro facendo de soporte para plantas no xardín dunha casa veciña. Outros dous sepulcros, un deles con moito ornamento, gárdanse nunha antiga casa fidalga en Rielo. Destas e doutras pezas, reutilizadas da antiga igrexa e que localizamos coa axuda dos nosos informantes, habemos dar maior detalle nunha próxima reportaxe.

Un sepulcro saído da igrexa de Palmou é agora soporte para as plantas

Un sepulcro saído da igrexa de Palmou é agora soporte para as plantas / Daniel González Alén

O santo das tronadas

Na parroquia cambota de San Paio de Senra houbo misa rezada e, nos días previos, novena, oficiadas ambas polo vicearcipreste Alvito García Fente, que leva con esta vinte parroquias nas terras de Rodeiro. Houbo procesión, co santo noutro tempo venerado para escorrentar as tronadas e os incendios nos montes da parroquia nesta aba da Serra do Faro. A igrexa actual nada conserva da primitiva, que debeu ser románica. A espadana construíuse a principios do século XX; a mediados do mesmo, reformouse o presbiterio e a finais encargóuselle a feitura dun pequeno retablo, aproveitando o que quedaba do vello barroco, ao ebanista local Troba, no que se colocaron varias tallas do patrón San Paio de certa antigüidade e mérito, o mesmo que as de San Domingos e a Inmaculada.

Segundo nos conta o sancristán da parroquia, preto da igrexa, nunha antiga casa que loce tres paredes esgrafiadas, había un par de escudos que foron parar ao pazo de Cartelle en terras de Chantada, nos anos setenta, case ao tempo que tamén foran levados para aló os da casa grande de Sa, en Pescoso... Pero esa é outra historia que haberá que contar noutra crónica cando haxa vagar.

Suscríbete para seguir leyendo