Miguel Docampo e a historia do cómic galego

Artista do debuxo, da pintura e do gravado, destacou tamén no cómic e na ilustración

Fernando Porto, Miguel Docampo, López Chicharro e J. A. Porto, xuntos na Farola.

Fernando Porto, Miguel Docampo, López Chicharro e J. A. Porto, xuntos na Farola. / J. A. Porto Taboada

J. A. Porto Taboada

No seu libro A historia do cómic en Galicia (2021) e referíndose á publicación quincenal Vagalume (1975-1978), Octavio Beares afirma que “da nómina de obras e autores da revista poden destacarse polos seus excepcionais resultados os traballos de Miguel Docampo (Catoira, 1953-A Estrada, 2017)”. E coinciden canto ao interese da contribución de Docampo no ámbito desta modalidade narrativa outras obras publicadas nos últimos anos, como BDG70. A revolta do cómic galego (2017) ou Os pioneiros da banda deseñada galega (2019).

Debuxo de Miguel Docampo sobre un pano de mesa (2013).

Debuxo de Miguel Docampo sobre un pano de mesa (2013). / J. A. Porto Taboada

Artista do debuxo, da pintura e do gravado, Miguel Docampo fixo tamén as súas incursións no mundo do mural, da elaboración de máscaras, da cerámica ou da ilustración, colaborando con publicacións como Vagalume, Teima, Dorna, A Nosa Terra ou FARO DE VIGO, ademais das estradenses Contrarretranca e Capicúa, así como coa editorial Galaxia.

Os currículos artísticos que acompañaban as súas mostras inícianse habitualmente coa exposición realizada na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela, xunto cos seus amigos Xaime Trepat e o estradense Fernando Porto, en marzo de 1974. Nesa mesma década, ademais de colaborar coas revistas Vagalume e Teima, continúa a participar en exposicións individuais ou colectivas (compartindo sala con artistas como María Antonia Dans, Lamazares, Huete ou Sucasas) en Santiago, A Estrada, Ourense, A Coruña, Vigo... Nesta cidade, mentres Miguel Docampo mostraba os seus debuxos na Sala Anexa da Caixa de Aforros, en xullo de 1978, o seu amigo Manuel Ángel López Chicharro, outro artista estradense, expuña a súa obra na Nova Sala da mesma institución. Sobre Docampo escríbese: “extraordinario dibujante este joven, con gran capacidad imaginativa” ou “su dominio técnico y su impronta de calidad nos sitúan ante un artista de grandes posibilidades, sobre todo ilustrativas, porque es un creador nato que puede plasmar, con sencillez, cuando quiere, y con mayor complejidad otras veces, todo su mundo poético, que es grande. Y que es un gran creador lo demuestra el poema que complementa su programa y que el artista titula precisamente «Creación»” (El Pueblo Gallego, 20/07/1978).

Despois trasladaríase a Mallorca a fin de perfeccionar a técnica do gravado, abrindo na cidade de Palma un obradoiro e montando novas exposicións nos anos seguintes, tanto en galerías baleares como galegas, colaborando igualmente con ilustracións na revista de poesía Dorna e no suplemento cultural “Artes e Letras” do Faro de Vigo. En 1982 participa en Santiago na Mostra de Gravadores Galegos e, como complemento desta, nun coloquio en que interveñen tamén os artistas Facal, Santiago Mayer e Xulio Maside, amigo persoal de Docampo. Nese mesmo ano está presente na V Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, onde é premiado, sendo concedida unha das dúas bolsas para novos artistas a “Miguel Docampo Regengo, de 29 años, residente en A Estrada, autodidacta, autor de dos grabados expuestos en la Bienal, quien ha manifestado su deseo de realizar un viaje de estudios a Japón para seguir un curso de técnicas de grabado” (Faro de Vigo, 29/08/1982).

Aínda nese ano, Docampo toma parte en Santiago na Mostra do Cómic Galego, realizada no pub Paraíso Perdido, e expón unha colección de máscaras na Galería Sargadelos. En 1989 ilustra o libro Os ollos do dragón, de M. Angels Gardella, publicado por Galaxia en tradución de María Victoria Moreno, e expón acuarelas en Vigo, na delegación da Consellería de Cultura, destacándose que en Docampo, “además de un trabajo riguroso, hay un amplio dominio del color y un buen sentido de la proporción. Todo esto le sería suficiente al artista de Catoira para estar presente con voz propia en los círculos más estrictos y selectos de nuestros creadores plásticos” (Faro de Vigo, 03/01/1989).

En 1990 dirixe na academia de arte Fórum, de Vigo, un obradoiro de gravado destinado a artistas en activo, ensinando técnicas de augaforte, augatinta e linóleo. Ademais, durante os anos noventa continuará a traballar e a realizar exposicións en Mallorca, dedicándose tamén á docencia e contando entre os seus alumnos co profesor Camilo José Cela Conde. En outubro de 1995, dentro do programa das VII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, Miguel Docampo participa na exposición Cómic Galego dos Anos 70, con obras tamén de Chichi Campos, Pepe Carreiro, Gonzalo Navaza ou Antón Patiño, entre outros.

No ano 2000 mostra as súas pinturas na Galería Sargadelos da Estrada, acompañando as notas da exposición un texto do escritor Luís González Tosar titulado “Miguel Docampo, dono da luz interior”, o que “me pareció algo poéticamente precioso. Y Salvador García-Bodaño también me definió muy bien” (Capicúa, 14/04/2010). Por outro lado, nos seguintes anos entradas sobre o artista son incluídas en obras de referencia como o Dicionario Enciclopédico Galego Universal ou o Dicionario Biográfico de Galicia, chegándolle na segunda década deste século o recoñecemento público do seu traballo no campo da banda deseñada. Así, en 2016 é convidado a participar no proxecto expositivo BDG70. A revolta do cómic galego, con orixe na tese de doutoramento de Xulio Carballo Dopico e desenvolvido pola Universidade da Coruña a través de Normal-Espazo de Intervención Cultural. A exposición decorreu entre outubro de 2016 e xaneiro de 2017 e deu lugar a un volume, publicado despois do pasamento do artista, que inclúe a catalogación das obras seleccionadas, entre elas as de Docampo: unha cuberta de Vagalume, catro contracubertas e un cartel promocional da revista. No propio volume, o artista mereceu unha lembranza explícita: “Gardamos un recordo especial daqueles que non puideron coñecer o proxecto -Díaz Pardo, R. Patiño, Chichi Campos...- e de Docampo, quen nos deixou inesperadamente mentres se estaban a construír estas páxinas.” O artista falecera o día 3 de abril de 2017.

En xaneiro de 2019 Xulio Carballo publica o libro Os pioneiros da banda deseñada galega. 1971-1979. Na sección dedicada á revista infantil e xuvenil Vagalume fai referencia aos seus colaboradores Fernando Porto e Miguel Docampo, quen “nesta revista participaría primeiro como colaborador, para logo pasar a ser encargado de colaboracións e finalmente deseñador da publicación” e cuxas “pranchas presentan no seu conxunto un fío argumental de filiación surrealista, achegándose nalgúns dos casos a estampas beckettianas e aos seus diálogos do absurdo” con “formas pop de ambientación psicodélica”. A historia do cómic en Galicia, de Octavio Beares, publicada en novembro de 2021, subliñará eses pareceres, referíndose ás colaboracións “plenas de ilustracións psicodélicas e de argumentos surrealistas” de Docampo en Vagalume e destacando, como vimos, os seus “excepcionais resultados”.

Merecedor, ao longo da súa vida artística, de favorables críticas e frecuentes eloxios, Miguel Docampo foi tamén unha persoa comprometida e activa na vida cultural, social e política até o último momento, colaborando con mostras solidarias como ArtePaz, exposicións organizadas polo Seminario Galego de Educación para a Paz, ou impulsando o proxecto de creación dun xardín botánico no concello estradense. En setembro de 2014 funda o Ateneo Cultural da Estrada, que preside, para promover un concepto amplo de cultura, incluíndo a concienciación ecolóxica, a loita pola paz ou o diálogo intercultural. Pero a súa foi, sobre todo, unha vida vivida para a arte.

Suscríbete para seguir leyendo