Estabilidade nas matrículas da USC: 152 alumnos menos nos dous últimos cursos

Este ano hai 24.679 estudantes nalgún grao, mestrado ou doutoramento da institución académica, 15.328 mulleres e 9.351 homes | O campus de Santiago ten 20.809 inscritos

Alumnado universitario camiñando polo Campus Sur. |   // JESÚS PRIETO

Alumnado universitario camiñando polo Campus Sur. | // JESÚS PRIETO / Lorena Rey

Lorena Rey

Un total de 24.679 alumnos (15.328 mulleres e 7.242 mulleres) cursan un grao, mestrado ou doutoramento da USC no actual curso académico. Desa cifra total, 20.809 estudantes están matriculados no campus de Santiago. No curso anterior 21-22 había 24.724 alumnos/as (20.039 de grao, 2.543 de doutoramento e 2.142 de mestrado), dos que 20.952 estaban nalgunha facultade de Santiago. E fai dous anos, no curso 20-21 eran 24.831 alumnos, 152 menos que no actual curso académico, dos que 21.164 estaban matriculados en Santiago. Por niveis de estudo, 20.098 eran de grao, 2.099 de mestrado e 2.634 de doutoramento.

Este curso hai 20.004 estudantes inscritos nun grao (12.762 son mulleres e 7.242 homes) dos que 16.733 pertencen ao campus de Santiago. Ciencias Sociais e Xurídicas é a área de coñecemento con máis presenza de alumnos no Campus de Santiago (6.211), seguida de Ciencias da Saúde (5.095), Artes e Humanidades (2.365), Ciencias (2.321) e por último, Enxeñaría e Arquitectura (741). Precisamente, esta última área de coñecemento é a única da Universidade que conta con un maior número de homes ca mulleres, con 1.005 varóns frente a 415 mulleres.

De mestrado, o número de alumnos é de 2.212 no actual curso académico (921 homes e 1.291 mulleres). No campus de Santiago son 1.866 alumnos e alumnas. Por doutoramento hai 2.210 alumnos en Santiago e 253 en Lugo, sumando un total de 2.463 estudantes dos que 1.188 son homes e 1.275 mulleres.

“A tónica habitual é de equilibrio porque a cifra global non varía moito de ano en ano. Estamos moi preto dos 25.000 estudantes matriculados nos tres niveis de grao, mestrado e doutoramento. En concreto, en grao hai estabilidade arredor dos 20.000 estudantes e en mestrado incluso hai un leve incremento anual. Onde se produce unha baixada, que é a que vén a marcar esa diferenza mínima de 152 alumnos menos en dous cursos é nos estudantes de doutoramento, unha diferenza que ten que ver en boa parte con que nos anos de pandemia houbo máis tempo para avanzar no desenvolvemento das teses que agora”, comentou en conversación con este medio a vicereitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso.

Os datos anteriormente indicados, facilitados pola USC e actualizados a data do 15 de marzo de 2023, non inclúen ao alumnado que cursa estudos na USC temporalmente ao abeiro de programas de mobilidade (SICUE, Erasmus, etc), pero formalmente está matriculado noutras universidades.

Con respecto aos que estudan fóra, son 848 alumnos matriculados nun grao (582 mulleres e 266 homes) e tres que cursan un mestrado, dúas mulleres e un home.

En referencia á maior presencia feminina que masculina na gran maioría de títulos académicos, López Couso afirma que as titulacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) “están claramente masculinizadas”, algo que “non é exclusivo da USC”. Ao respecto sostén que “estase traballando para fomentar esas titulacións entre estudantes mozas”, aínda que considera que se trata dunha cuestión de concepción. “Na nosa sociedade está moi marcado que hai determinadas titulacións que son máis acaídas para mulleres e outras para homes, pero hai que revertir esa situación aínda que coste traballo”, engadeu.

Ciencias Sociais e Xurídicas e Ciencias da Saúde son as dúas grandes áreas de coñecemento máis demandadas. “En Ciencias Socias o número de titulacións é moito máis elevado que no resto das áreas. Por outra banda, en Ciencias da Saúde son menos títulos que en Ciencias Sociais e Xurídicas, pero hai estudos que arrastran un número moi relevante de estudantes como é o caso de Medicina, o único grao do sistema universitario galego e que ademais é un dos que ofrece máis prazas a nivel español”, relata.

Con todo a vicereitora asegura que o equipo reitoral está satisfeito ca demanda que teñen en xeral as titulacións. “Cando se sacan os datos no mes de setembro de estudantes de novo ingreso que se incorporan ás nosas titulacións, cóbrese a oferta de case a totalidade, sobretodo no campus de Santiago e nos primeiros chamamentos da CIUGA”, apunta.

Neste punto López Couso ve que a Universidade de Santiago “segue tendo tirón e segue despertando interese” polo “abano amplo de titulacións que oferta”, porque ten “unha historia e unha proxección tanto a nivel estatal como a nivel internacional que nos coloca nos primeiros postos”, e polo tanto, “segue sendo unha das universidades con máis atractivo para o estudantado”.

O obxectivo non é outro que manter esa atracción e capacidade de captación de estudantado nas titulacións de grao, mestrado e doutoramento e, “de ser posible, incrementalo ofrecendo novos títulos” que se vaian adaptando ás necesidades da sociedade e do mercado. “Temos a obriga de actualizar a nosa oferta docente sempre que sexa posible, non nos podemos quedar anclados no pasado e non ofrecer títulos que está demandando na actualidade o mercado laboral”, declara.

25.000 alumnos

Por diante está o reto de superar a barreira dos 25.000 alumnos. “Confiamos en que así sexa”, di a vicerreitora de Titulacións. De todas formas, hai unha serie de limitacións na oferta de prazas que a USC pode facer ao precisar de autorización da Secretaría Xeral de Universidades, “quen nos ten que dar ese visto bo á oferta”. En concreto, existen unhas memorias de verificación nas que se establece unha cota de novo ingreso predeterminada.

Así, asegura que se podería estar ofertando un maior número de prazas en varias titulacións que teñen unha alta demanda que non se cubre. Como avance, para o vindeiro curso académicao 23-24 haberá un incremento do 15 % das prazas do grao de Medicina, “o que vai supoñer que xa haxa un incremento no global da cifra de alumnado”.