ÓSCAR PAZOS RODRÍGUEZ | Xeólogo

“Ningunha zona produciu tanto ouro como Gallaecia durante o Imperio Romano”

“Nas minas non traballaron escravos: eran os propios galaicos os que as exploraban e as xestionaban”

Óscar Pazos, á dereita, durante unha visita guiada a unha antiga mina de ouro.

Óscar Pazos, á dereita, durante unha visita guiada a unha antiga mina de ouro.

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

O Museo Ramón Aller acolle mañá (20.00 horas) a presentación da nova edición de A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia. O volume é da autoría do xeólogo Óscar Pazos Roríguez, e chega a Lalín da man da programación do Seminario de Estudos do Deza.

–Na primeira edición deste volume, vostede centrábase nas antigas minas de ouro do Baixo Miño, Valmiñor e a Serra da Groba. Nesta nova impresión abre unha perspectiva xeral sobre toda a Gallaecia e tamén aporta detalles técnicos. ¿Temos en Deza antigas minas romanas?

–Na comunidade hai filóns de minas por todas partes, e non só ás beiras dos ríos. Así, atopamos minas ao longo do curso do Miño, pero tamén no Carballiño, no Irixo ou en Boborás. En Deza xa hai menos. Segundo un censo da Xunta, só en Galicia están rexistradas 550antigas minas de ouro. No caso do CSIC, contabiliza 800 entre Portugal, Gallaecia e Asturica. Así, que en realidade, a minería de ouro foi un traballo de exploración que cubriu todo o país, case dende a beira do mar ata as montañas.

–¿Duránte canto tempo se extraeu ouro?

–Sabemos que o labor mineiro comezou co reinado de Augusto, unha vez rematadas as guerras cántabras, sobre o ano 15 antes de Cristo. Xa é máis difícil dicir cándo rematou, quizais ao longo do século II houbo un decrecemento e ao final un peche das minas. En Gallaecia,o ouro foi unha imposición romana de Augusto, unha maneira de integrar a Gallaecia no Imperio. Podemos dicir que esta provincia foi inventada polos romanos, botando man de que había unha serie de pobos, os galaicos, que tiñan un universo máis ou menos común. Así que a minería foi o principal xeito de darlles unha actividade útil para o Imperio, ata o punto de que durante o século I a minería era a principal actividade da Gallaecia, e axudou a definir o carácter da provincia cando se estaba formando como tal.

–Máis dun pensabamos que nas minas de outro traballaban escravos locais, como ás veces amosan nas películas.

–Para nada. Durante o Imperio, os galaicos seguiron vivindo nos castros e eran eles mesmos os que exploraban e xestionaban as minas. Houbo unha especie de trato, forzado polos romanos, mediante o que a minería era como unha especie de pago que facían os conquistados por pasar a formar parte do Imperio. Na actualidade, non temos detalles de cómo pagaban os impostos os galaicos, pero vendo as minas podemos comprobar divisións, que nos permiten deducir que dentro de las podía haber distintas comunidades. E a cambio,dese ouro, os galaicos podían ter algúns privilexios, como certa autonomía eincluso certa participación no Imperio, posto que a provincia foi ampliándose ata coller a meseta norte do Douro. Gallaecia creceu de tal modo que o emperador Teodosio, nado cerca da actual Soria, era galaico.

–Permítame contarlle que cada vez que paso por Montefurado, en Quiroga, quedo impresionada con tal obra de enxeñería, un túnel aberto no monte para desviar (ou non) o curso do Sil e recoller ouro nos sedimentos. ¿Qué técnicas empregaban para extraer ouro e, sobre todo, cómo daban cos filóns?

–Daban cos filóns facendo probas, e nas que se implicaba moita xente. Temos que pensar que a integración de Gallaecia en Roma foi lenta, así que invasores e conquistados tiveron tempo de coñecerse ben, se pensamos no tempo que pasou entre o ano 138 a.C, cando Bruto cruza o río Lethes pra loitar contra os galaicos, e o 38 a.C, cando ten lugar a plena integración de Gallaecia. En Montefurado fixose a enxeñería da época, e temos outros montefurados en ríos, pero tamén obras hidráulicas feitas expresamente para retraballar o que se desbotaba nunha primeira fase. En canto ao tipo de minas, nós facemos andainas e temos localizado minas a ceo aberto, claro, pero tamén galerías subterráneas. Non podemos pensar na minería como nunha actividade menor, senón en algo con moitísimo éxito. De feito, no mundo antigo ningunha outra zona produciu tanto ouro como Gallaecia durante o Imperio Romano. No seu momento, o historiador Plinio sinala que ningunha zona do mundo produciu ouro durante tantas xeracións como en Gallaecia.

–A extracción estaba en Gallaecia, pero non a súa transformación.

–Asi é. Todo o ouro ía para Roma, e seguro que había unha estrutura sociall para controlalo. Pero ademais tamén había contrabando. O seu destino adoitaba ser a fabricación de moedas. A acuñación estaba descentralizada, e durante o Imperio centralizouse, isto provocou que no século III houbese unha revolta, porque moitas familias desexaban seguir mantendo o seu xeito de vida.

–Vostede calcula que esta extracción de ouro puido durar un século e medio. ¿Por qué cesou?

–Porque houbo un esgotamento do metal, pero tamén porque cambiaron as condicións sociais. Unha vez que os castrexos xa están integrados como romanos, deixa de ter sentido. Pasou algo similar cos castros: seguiron habitados durante o Imperio, pero foron abandonados de forma pacífica porque cambiou o modo de vida.

O xeólogo, en Las Médulas.

O xeólogo, en Las Médulas.

“Estas minas estaban na memoria, asociadas a lendas”

–Gallaecia, como vostede conta, foi ademais a única provincia romana que mantivo o nome, despois da caída do Imperio.

–Si, coa explotación mineira chegou a haber certas elites, e tamén certa identidade de provincia, xa que para artellar o labor mineiro houbo unha integración dos galaicos pero mantendo as estruturas sociais que tiñan. Xa nos últimos tempos do Imperio, Gallaecia foi a primeira provincia romana en independizarse, pero porque chegaron os suevos a principios do século V, e houbo un acordo entre eles e Roma. Despois pasou de provincia independente a reino, pero mantendo o nome de Gallaecia.Non pasamos a ser suevos, como ocorreu coa rexión alemá de Suabia. E mentres se conservou o nome de Gallaecia, desaparece o de Bética ou o de Tarraconensis.

–Moitas destas minas romanas están agochadas pola natureza. O curioso é que tendemos a asociar as minas de ouro cos mouros, e non cos romanos, que foron os que as explotaron.

–Certo, estas minas estaban na memoria da xente por tradicións, asociándoas con lendas. Pero tamén aparecen na toponimia, como Burato dos Mouros, por poñer un caso. Pero nos últimos 100 anos, cando muda o xeito de vida, pérdense as tradicións deste lugares.

–¿Sería bo recuperar algunhas destas antigas minas de ouro para o turismo industrial?

–O turismo adoita estar enfocado a recepción de moita xente, e estamos a falar de centos de minas abandonadas. Hai algunhas que son aptas para o público en xeral, pero penso que non é a solución para todos os filóns. Penso que as visitas a estes lugares deben organizarse, máis ben, orientadas a coñecer a historia do lugar ou da zona en que un vive. Tamén temos que pensar que todas as minas abandonadas das que temos constancia non tiveron por qué ser un éxito. Falta aínda moita investigación por facer, temos moita evidencia de minería, é certo, pero queda moito traballo máis pequeno, máis detallado.

Suscríbete para seguir leyendo