Os Cabaleiros de Vigo desfilan polas rúas de Lalín

A irmandande da ingreso a novos membros nun acto público na Praza da Igrexa

Desfile da Orde dos Cabaleiros de Vigo cara o Quilómetro Cero de Lalín.   | // BERNABÉ

Desfile da Orde dos Cabaleiros de Vigo cara o Quilómetro Cero de Lalín. | // BERNABÉ / Daniel González Alén

Daniel González Alén

Máis de medio cento de membros da Orde dos Cabaleiros de Vigo celebraron a pasada fin de semana unha xuntanza en Lalín. Nun acto público na Praza da Igrexa, procederon ao ingreso nesta irmandade de novos compoñentes, para logo desfilaren polas rúas máis céntricas da vila e remataren compartindo o típico cocido nun acreditado restaurante lalinense.

Acto solemne de nomeamento de dous novos membros na Praza da Igrexa.   | // BERNABÉ

Acto solemne de nomeamento de dous novos membros na Praza da Igrexa. | // BERNABÉ / Daniel González Alén

Logo de chegar en autobús dende Vigo ata capital de Deza, na céntrica Praza da Igrexa, procedeuse ao nomeamento de catro novos membros desta orde, que dende a súa fundación, no ano 1995, non para de medrar. Foi o secretario, Antonio Arenosa, quen presentou aos novos cabaleiros aos que lles tomou xuramento o presidente do colectivo, Antonio Puga. A continuación, os cabaleiros, ataviados con capa e colar da orde, desfilaron polo Quilómetro Cero de Galicia e pola rúa Principal, aos acordes musicais do grupo de gaitas Os de Mondariz, encabezados polo estandarte que portaba o cabaleiro Xosé Isaac Aguiar Diéguez, nativo de Carboentes (Rodeiro) e o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, quen fixo de guía nesta xuntanza. Na entrada da rúa Principal pousaron diante da estatua ecuestre obra do escultor Oliveira, que ten en Vigo outra escultura co mesmo motivo.

Os Cabaleiros de Vigo desfilan polas rúas de Lalín

Os Cabaleiros de Vigo desfilan polas rúas de Lalín / Daniel González Alén

Logo dun vermú no Casino de Lalín, os membros da Orde, dirixíronse ao Restaurante La Molinera, para compartir un espléndido cocido, e na sobremesa o secretario da orde fixo uso a palabra para agradecer a colaboración do Concello de Lalín e da veciña Inés Reboredo Brandido, sobriña do membro do colectivo Antonio Brandido, nativo de Botos (Lalín), pola axuda prestada na organización desta visita a Lalín. Os de Mondariz puxeron remate á celebración coa interpretación de varias pezas populares.

Antes de emprender o retorno a Vigo, conversamos co vicepresidente da orde, Eusebio Prado, propietario da Cafetería Nuevo Derby de Vigo, nativo da veciña parroquia de Mariz, en Chantada, que xunto aos citados Aguiar e Brandido, foron os promotores desta xuntanza en Lalín, quen nos manifestou que, logo do bo sabor de boca que lles deixara esta primeira celebración en Lalín, xa matinaban en incluír no amplo programa de actividades do colectivo unha cita anual na capital de Deza, que ten no cocido o seu emblema gastronómico e senlleiros monumentos merecedores dunha detida visita.