Dende a produtora cultural Toxo Verde informan da estrea do videoclip “Insectos” do grupo da comarca de Deza, Meu Rock GZ. O traballo audiovisual foi rodado no Porto de San Adrián de Cobres en Vilaboa, nos arredores da Illa de San Simón e no Concello de Lalín.

Dende Toxo Verde lembran que hoxe é o Día Internacional Sen Alcohol impulsado pola OMS debido a problemática que supón o alcoholismo na sociedade actual. Como resposta, o grupo Meu Rock GZ compuxo esta canción sobre “a sensación que experimentan os alcohólicos cando non consumen: o formígueo e os insectos baixo a pel”, por exemplo.

En canto ao guión do clip, a alucinosis alcohólica está presente no consumo crónico de alcohol, a droga legal máis habitual no país. “Borja tenta despexarse da súa adicción ó alcohol dando unha volta no seu barco. Na travesía recibe a visita dos alcohois que máis consume, com son o licor café, os cubatas, o viño, a cervexa e o vermú; que o incitan a beber personificados polos integrantes da banda Meu Rock GZ”, sinalan dende a produtora.

Gravación

“Insectos” forma parte dunha serie de cancións gravadas polo combo dezá de rock and roll en Cinemática Estudios (Cerceda) e que os compoñentes de Meu Rock GZ están presentando ao longo deste 2022 cunha gran acollida por parte dos seus seguidores. O videoclip estará dispoñible dende onte ás 21.00 horas na plataforma YouTube.