Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A gran seca de 1938 e como a superaron os veciños de Vilar, en Soutolongo

O lavadeiro de A Cal foi obxecto dunha acertada intervención, no 2016, cando Soutolongo foi declarada Aldea Singular. | // A.P.

No ano 1938, segundo os datos meteorolóxicos que recolleu no Observatorio de Lalín o insigne astrónomo D. Ramón Aller, tivo lugar unha das maiores sequías coñecidas nos últimos 100 anos. Segundo eses datos as precipitacións totais habidas foron moi baixas para esta zona climática, tan só 720,9 mm (litros por metro cadrado). Esta sequía, segundo os datos de precipitacións recollidos en estacións meteorolóxicas controladas, foi seguramente, tan forte, ou máis ca o que tivera lugar no ano 1921 (conservamos datos da estación de Silleda entre 1913-1926). Daquela, ano 1921, o rexistro pluviométrico foi de 641,9 mm, o mínimo coñecido na historia da meteoroloxía na Comarca de Deza, pero a serie de Silleda é case descoñecida e non está ao alcance de calquera persoa interesada.

O gran carballo da Costiña.   | // A.P.

O gran carballo da Costiña. | // A.P. ANTONIO PRESAS

Así que no ano 1938 a sequía foi moi alta e as nosas xentes tiveron que sobrevivir durante o estío nunhas condicións moi duras: non choveu, os manantiais (minas, pozos artesanais, etc) secaron na súa gran maioría, algúns regatos sofriron unha estiaxe moi acusada e os ríos mermaron o seu caudal a mínimos case inauditos.

O vello pilón da Cal é anterior a reconstrución de 1929. | // A.P.

Un testemuño do sucedido

O meu avó, que naceu no ano 1898 e viviu sempre na aldea de Vilar, foi testemuña do sucedido daquela e tenme contado en moitas ocasións o acontecido: “O ano 38 foi un mal ano, porque veu unha sequía moi forte, case non se acorda outra coma ela. Tamén coincidiu coa Guerra, que se acabou ao ano seguinte. Desde o inverno choveu moi pouco, os camiños estaban cheos de pó, as leiras secas, os prados deron pouca herba ainda que era moi boa, o centeo case non tiña palla e os manantiais secaron case todos. Os primeiros manantiais en secar foron os que estaban máis altos, a altura da aldea, pero foron secando todos cara abaixo e aos pozos pasoulles o mesmo. Empezaron por ter moi pouca auga e chegou un momento no que se baixaba o caldeiro ao pozo e sacábase sen unha gota de auga.

Mapa da parroquia de Soutolongo coas fallas.

Mapa da parroquia de Soutolongo coas fallas. ANTONIO PRESAS

As vacas levábanse a beber ao lavadeiro de A Cal, pero tamén secou, por moito que se limpara a canle pola que viña a auga. Tivemos que preparar o manantial de Fontebuxá, que estaba a bastante distancia da aldea e todos os veciños empezamos a levar alí as vacas, para que puideran beber. Aquelo era unha procesión continua, porque tan só había un camiño para chegar a Fontebuxá.

Localización de manantiais nos arredores da aldea de Vilar. ANTONIO PRESAS

As mulleres tiveron que facer o mesmo: meter a roupa en cestas ou en tinas e baixar a Fontebuxá para poder lavar de vez en cando as roupas. Procuraban ir polas horas de máis calor para non atoparse coas vacas e ovellas que había en case todas as casas. Algúns veciños acondicionaron os pipos que tiñan para o viño e ían a ese manantial en busca de auga cos carros de vacas. Desa forma traían auga para varios dias, para consumo doméstico.

O lavadeiro atópase no medio da aldea e foi construido no ano 1929 por unha familia benefactora de emigrantes a Arxentina.

Foi unha aténtica miseria porque non estabamos acostumados a ter que vivir así. Faltoulle pouco para ter que ir ao río, a tosta da Fábrica, que nos quedaba máis lonxe, porque tiñamos que ir polo Castro.

A aldea de Vilar está localizada na marxe esquerda do río Asneiro e os seus dominios exténdense desde a liña divisoria de augas co Deza Superior no Alto do Coto (gran mámoa de Vistalegre), a uns 580 metros de altura, ata o propio río, que transita, polo punto máis baixo, a 430 metros en O Requeixo (tosta de O Requeixo).

Fontebuxá

Na contorna desta aldea existe un gran número de manantiais entre as curvas de nivel 550-530 metros debidos a unha pequena falla ou fractura de dirección NL-SO, duns 4 quilómetros de lonxitude, que vai desde O Castro ata as proximidades da aldea de Xar (Barcia), na vertente do Deza Superior, río que nace na Serra do Candán. Pois ben, os numerosos manantiais que existen, seguindo a liña da falla, empezaron a secar desde os situados a maior altura e continuaron, de seguido, cara os localizados a niveis máis baixos, a medida que avanzaba o verán. O único manantial que se mantivo activo foi o de Fontebuxá, localizado a carón do camiño que vai desde a aldea ata O Castro, a unha distancia de 750 metros desde o centro de Vilar e a uns 490 metros de altura. No mes de agosto os veciños de Vilar tiveron que abastecerse de auga neste manantial, que foi acondicionado para esa finalidade e incluso se chegou a construir un pequeno lavadeiro, logo abandonado e que, na actualidade, está semiocultado pola vexetación e arrastres de “terras”.

Outra das medidadas adoptadas pola maioría dos veciños foi afondar lixeiramente os seus pozos de abastecemento doméstico e alongar algunha das minas que había cerca da aldea.

Compartir el artículo

stats