Polo río de Quireza arriba,/non hai varas que cortar;/os mozos de Bugarín/non saben troulear. Adapto para o de Quireza a copla recollida xacando na parroquia de Cerdedo para o río do Seixo (Cantares de Manuela de Barro, 2008). Apóiome na nosa literatura de tradición oral para enmarcar belamente este pequeno estudo verbo do patrimonio arquitectónico do río de Quireza, cuxas marxes percorremos arestora con fundamento.

Interior do muíño.

A chaira de aluvión que, no pasar dos ciclos xeolóxicos, compuxo o cachazudo río de Quireza na meirande parte do seu curso, propiciou, até hai unhas décadas, feraces terras de cultivo (agras dos Castros, Fondós e Vilarchán (Quireza), Bugarín (Castro) e O Serrapio (Pedre)), transformadas na actualidade en pasteiros discontinuos e avesedos forestais máis ou menos densos dos que se benefician algunhas reses vacúas, ovinas, cabrúas e cabalares.

Muíño da Ponte (Bugarín).

Hai uns días, principiabamos a nosa angueira exploratoria do río de Quireza baixo o arco da ponte do Terraplén (acceso ao Serrapio pola PO-230), construído a uns 200 m da embocadura do Quireza no Lérez. Río arriba, a uns 600 m do noso punto de partida, demos co fermoso conxunto etnográfico da ponte e muíño da Serra, cuxo estado de conservación é lamentoso (Faro de Vigo, 19-6-2022). Proseguindo a marcha, a uns 300 m do muíño da Serra, atopamos a súa presa (encalco), a boca da levada e a pedra que regulaba o caudal destinado á corta e mais á moenda (ben seguro, por esixencias da antiga hidroeléctrica de Dorna). A traxectoria da levada aínda é visíbel na fotografía do “Voo Americano” (1956-7). Neste banzo, o río acelera o pulso e abandona o seu mutismo pousón. A uns 900 m da ponte e muíño da Serra, atopamos outro conxunto etnográfico non menos belido: a ponte e muíño de Bugarín. Por desgraza, estoutra mostra da nosa arquitectura popular tampouco vive a súa mellor época. Todos estes bens localízanse na parroquia cerdedesa de Castro.

Ponte de Bugarín coa casa das Laxas ao fondo. Fotografía de Carlos Osorio (1977).

No fondal da aldea de Bugarín, á beira do camiño de cara ao río, celebramos os labores de restauración que un particular está levando a cabo na casa das Laxas, edificación de bo perpiaño, dotada dunha maxestosa solaina. A ponte de Bugarín comunica o poboado que lle dá nome co de Castro do Cabo, antigo camiño dos defuntos.

Muíño da Ponte (Bugarín). Ao fondo, á esquerda, a ponte. Fotografía de Carlos Osorio (1977).

A ponte de Bugarín (coordenadas.- X: 546.055; Y: 4.710.820) é unha construción en pedra, de taboleiro recto, carecente de peitorís. Cinco ollos barutan a corrente. Érguese sobre catro grosos piares que se arrepoñen ás enchentes brandindo agudos tallamares. A peza superior dun dos tallamares agarda no leito do río pola súa recolocación. A ponte de Bugarín posúe 18 m de longo, 2’50 m de largo (3’90 m até o bico dos tallamares) e 1’90 m de alto. Ende mal, acada os 2 m de alto, xa que, hai anos, por outorgarlle consistencia a estrutura, as trabes do taboleiro foron cubertas cunha capa de 10 cm de formigón. Coidamos indispensábel que a cobertura de formigón sexa convenientemente retirada, para que a ponte volva lucir como orixinalmente.

A uns 50 m da ponte, cara ao norte, un chisco afastado da madre do río e na súa marxe esquerda, localízase o muíño.

O muíño da Ponte, muíño de herdeiros, é unha construción en avanzado e evocativo estado de ruína. Presenta paredes de cachotaría e tellado a dúas augas (tella país). É un muíño de calexa cuberta. A auga da canle accionaba un rodicio (de ferro) e, por tanto, unha moa. Eis as dimensións exteriores do inmóbel: 6’25 m de longo x 3’90 cm de largo (uns 24’4 m2 de superficie). A altura máxima interior acada os 2’50 m. A parede leste do muíño abre dous vans: o da porta (143 x 100 cm) e mais un bufardexo. Outro bufardo na parede sur. Un pé gastado embutiuse na cachotaría interior da parede leste. A parte inferior e interior da parede norte compúxose cunha fileira curva de bos cachotes, pechando a sección do tremiñado destinado a conter a fariña.

En 1977, o fotógrafo pontevedrés Carlos Osorio (1950-2002) visitou Cerdedo e escolleu as ribeiras dos ríos Lérez e Quireza como albos do seu dispositivo (léase: “Unha viaxe ao Cerdedo dos setenta”, Faro de Vigo, 13-8-2014). Afortunados somos ao contar con este valiosísimo legado. Amais das fotos obtidas polo noso colectivo, FARO DE VIGO publica hoxe dúas imaxes capturadas por Osorio a finais dos anos setenta neste beatífico relanzo fluvial. O que hogano é arqueolóxica saudade, antano aínda era vivaz etnografía.