Na parroquia ourensana de San Lourenzo de Piñor, de onde era nativa, foi soterrada onte a que fora principal promotora e inesquecible compañeira no labor a prol da difusión e o recoñecemento do Camiño de Inverno e presidenta da Asociación dos Camiños de Inverno a Compostela, Aida Menéndez Lorenzo. A finada levaba meses afastada da intensa actividade que viña desenvolvendo nese senso, logo de serlle diagnosticado un cancro cerebral. Para datas vindeiras, a asociación que presidiu dende a súa fundación vai programar unha misa funeral en Monforte de Lemos, cidade na que decorreu a maior parte da súa vida, participando activamente nos eidos da política, o ensino e a actividade cultural e social deste concello lucense.

Coñecín a Aida Menéndez a principios do século cando o entón concelleiro de Cultura de Lalín, Román Rodríguez, nos encomendara o labor de trazar o Camiño de Inverno polas terras de Lalín, que Aida, daquela concelleira de Cultura e Turismo en Monforte de Lemos, promovía, buscando apoios nos distintos concellos que atravesaba esta antiga ruta xacobea. No de Rodeiro xa viña contando coa colaboración do entón alcalde Eliseo Diéguez e o bibliotecario Pepe Carballo. Axiña comezamos unha longa colaboración, que duraría mais de vinte anos a prol do estudo, difusión e apoio deste Camiño, coa pretensión de obter o seu recoñecemento oficial: confección da primeira guía do Camiño de Inverno; participación nas etapas de promoción do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra que ela fundara e presidía; colaboracións no anuario Vía Jacobina que ela mesmo dirixía; participación en conferencias, presentacións e diversas actividades relacionadas co Camiño nas distintas localidades polas que decorre esta ruta xacobea, sempre de xeito desinteresado e altruísta, con grande entusiasmo e dedicación.

A presenza de Aida Menéndez na comarca de Deza foi continua no tempo e na intensidade das actividades relacionadas coa promoción do Camiño de Inverno e mesmo con outras referentes á cultura, colaborando cos concellos, os colectivos ou particulares dezaos, sabendo gañar a amizade e a axuda para a causa do Camiño de activos colaboradores coma Fernando López Jácome, Luís Fernando Pérez Méndez, Francisco Villanueva, Emiliano García Méijome, Manuel Ferro, Paco Ledo e José Luís Rodríguez Jácome, por citar algúns amigos dezaos que agora nos veñen a memoria, ademais dos seus parentes, os Taboada Lorenzo, propietarios de negocios de funeraria e xestoría en Lalín, aos que a cotío visitaba.

A grande, atinada e continuada actividade despregada por Aida Menéndez a prol do Camiño de Inverno foi decisiva para o recoñecemento oficial desta ruta de peregrinación a Compostela en 2016, e malia que en adiante os políticos e a xente dos negocios da hostalería que irían xurdindo o abeiro desta ruta quixeron para si os méritos e tirar partido desta nova vía do Xacobeo, a figura de Aida Menéndez terá que ser recoñecida sempre coma a grande promotora e pioneira do Camiño de Inverno, á marxe de outros méritos que nos eidos publico e privado soubo acadar na súa proveitosa existencia da que dan conta agora moios medios de comunicación, truncada pola cruel enfermidade que a a afastou nos últimos meses de toda actividade, emprendendo antes de tempo o seu último camiño onde todos algún día, nos habemos de atopar.