Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Manuel Martínez Oca nnficha personal | Escritor

“Redactei as miñas primeiras historias no papel de envolver que daban nas tendas”

“Normalmente pásoo fatal ó escribir, porque nunca sei o que poñer na páxina seguinte”

Xosé Manuel Martínez Oca visitará A Estrada este sábado.

A Estrada albergará, este sábado día 18, os actos programados con motivo da XXVIII edición da homenaxe “O escritor na súa terra-Letra E”, que entrega cada ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O premio, que se entregará na Estrada por vez primeira, será para Xosé Manuel Martínez Oca, un dos máis prolíficos autores de narrativa galega contemporánea. O homenaxeado naceu e pasou a maior parte da súa infancia na Estrada, concretamente na rúa Fernando Conde, da que se mudou tendo pouco máis de dez anos de idade. Actualmente, vive na cidade da Coruña.

–A 28º edición do premio “O escritor na súa terra-Letra E”, celebrarase na Estrada grazas a vostede. Imaxino que será unha satisfacción moi grande.

–Non é para botar foguetes a cousa, pero está bastante ben. Si que podo dicir que estou satisfeito.

–Que vai dicir cando emita o seu discurso o día do acto?

–Pois ese é o meu gran problema, que á miña idade xa me esquezo das cousas que quero decir mentres estou falando (risas). Espero que ese día non me supoña unha complicación.

–Vostede naceu na Estrada no ano 1942. Como foron estes primeiros anos na vila e como empezou o seu interese pola escritura?

–Iso é unha cousa á que lle estou dando voltas estes días, o dos meus comezos na escritura. Eu de neno vivía no 21 da rúa Fernando Conde, e tiña un veciño que vivía no 19 e co que mantiña unha gran relación de amizade porque eramos da mesma idade, máis ou menos. Cando nos xuntabamos, líamos moitas historias de aventuras do Lonxano Oeste, como El Coyote ou El Sargento Invencible, que nos gustaban moito. Un día decidimos facer os nosos propios contos e así comezamos. Primeiro tivemos que facernos co material, que por aquel entón non era unha tarefa fácil. Tivemos que utilizar o papel de envolver que utilizaban nas tendas que había na nosa rúa naquela época, La Unión e Felipe Mato. Cando nos mandaban ós recados, nós quedabamos con este papel para escribir as nosas historias, que normalmente eran de pistoleiros. Así foi como comecei. O sábado espero ver de novo a este amigo meu, a ver se nos volvemos contar algunha destas historias de pistoleiros do Oeste.

–Que relación mantén ca Estrada actualmente? Imaxino que a vila cambiou radicalmente dende que a abandonou con 10 anos.

–Pois a verdade é que a única familiar que tiña na Estrada era miña tía, que agora veu vivir para a Coruña. Algunha vez vou por aí, sobre todo para airear a casa. Pero o certo é que a maioría dos meus amigos da infancia xa non viven.

–Aínda así, a súa obra ten certas referencias estradenses. Por exemplo, no 2.000 publicou “Dos Camiños dos Arrieiros ós Pazos da Ulla”.

–Si, nese libro xira en torno a escenarios da Terra de Montes e de Tabeirós. Foi unha encarga que me fixeron e desfrutei moito escribíndoo, que non é algo moi habitual.

–E logo que sensacións experimenta cando escribe?

–Pois normalmente pásoo fatal, porque non sei o que vou escribir na páxina seguinte. Non é unha cousa que me pareza moi divertida, o de poñerse a escribir.

–Debe ser o primeiro escritor ó que lle escoito tal afirmación...

–Pois así é. Moitas veces escribo por necesidade, para poder entreter ás miñas frustracións.

–Como describiría a súa obra?

–Empecei a escribir moitas das miñas novelas a partir dalgunhas viaxes que realicei. Sempre me inspirou viaxar e facilítame o traballo de pensar que vou escribir a continuación, o que che dicía antes que non me resultaba nada divertido. Por isto de falar de viaxes na miña obra téñenme dito que, como escritor, gardo paralelismos con Antón Risco, fillo do intelectual galego.

Compartir el artículo

stats