O Campo das Laudas, de Cerdedo-Cotobade, conta hoxe cunha nova personalidade conmemorada no seu chan, sendo así nove as pedras esculpidas que descansan nel.

Nova vida no Campo das Laudas

O protagonista desta volta foi Francisco Varela Buela, coñecido cordialmente como Don Paco, mestre republicano que durante a época do franquismo foi detido e xulgado, para despois recibir a condena a cadea perpetúa nun xuízo fraudulento. Foi tamén obrigado a realizar traballos forzados, e privado de exercer a súa profesión como docente.

No acto de presentación da lauda, que tivo lugar onte ás 12.00 horas, chegaron a participar unhas 70 persoas, chegadas da zona pero tamén de outros puntos, como Lugo, Mondoñedo ou Monterroso. Entre os asistentes figuraba a familia do conmemorado, así como representantes das asociación Capitán Gosende e Vagalumes, e todos eles tomaron quendas para intervir no acto cunhas palabras.

As condicións metereolóxicas acompañaron e o acto puido transcorrer sen maior imprevisto ao aire libre, o que sen dúbida tamén contribuíu a unha maior afluencia de persoas no encontro.

Por outra banda, o integrante do colectivo Capitán Gosende, Calros Solla, contaba a este medio que o escultor Marcos Escudero mantivo en absoluto segredo os elementos nos que se inspirara para realizar esta peza, e que foi ao descubrila que os asistentes comprobaron a acaída representación da faceta de docencia na lauda do homenaxeado.

Da mesma forma, a música tamén estivo presente neste acto, a cargo do xa acuñado “gaiteiro do Campo das Laudas”, Xoán López, que interpretou a modo de ofrenda a peza de autoría propia homónima a este espazo, unha obra composta en tres movementos, que tamén foi intepretada nas actividades anteriores.

Noutro orde de cousas, o escritor i etnógrafo Calros Solla tamén quixo facer mención á fama que a iniciativa do Campo das Laudas está recollendo ultimamente no ámbito da memoria histórica, unha cuestión que el atañe a que “é unha proposta única e pioneira, non só en Galicia, senón tamén en España”.

Por último, para rematar o acto, celebrouse a habitua puxa de libros, onde se subastaban títulos de autoría dos integrantes de Capitán Gosende, para que xa co recaudado poidan comezar a prepararse para incorporar unha nova lauda a es campo de efemérides que devolve á historia a aqueles que foron conscientemente apartados dela.