Síguenos en redes sociales:

Sello arrasa cos seus ferreiros

Gaña por cuarta vez consecutiva, por diante da Carballeira de Cercio co seu ‘Serán’

Sello arrasa cos seus ferreirosBernabe

Imaxinen que estamos na Gala dos Óscar e que entre os nominados a mellor director figuran John Ford e Steven Spielberg. Estes dous xenios eclipsarían aos outros tres candidatos, fosen quen fosen. Pois ben, nos desfiles da feira do Cocido, ano tras ano, o pulso acaba sendo entre a parroquia de Sello e A Carballeira de Cercio. Os veciños de Sello gañaron o certame desde 2018, cos de Cercio en segundo posto sempre, agás en 2020, que quedaron por detrás da cooperativa de Botos.

Un dos nenos de Sello da forma a un ferro a base de martelo e fogo.

Pois onte Sello acadou 188 puntos recreando cómo funcionaba unha ferrería. E non só impresionaba a pía dunha peza, senón un dos nenos que manexaba o martelo con tal soltura e compás que se notaba que non era a primera vez que o empregaba. Sello recibirá, con esta recreación, 1.050 euros. A Carballeira de Cercio (con 168 puntos) tamén optou polo contido etnográfico, baixo o título Esta noite hai serán. A música do baile poñíaa unha veciña ao son dunha lata de pimentón, como antano, e pechaba a carroza o cosco de millo a secar e un cabazo. En terceiro lugar clasificouse A Carqueixa da Veiga (163 puntos) que pechou o desfile de carrozas con “O Cocido”. Precedida por unha simulación da matanza, na carroza escenificábse unha degistación do prato estrela de Lalín.

A Carballeira de Cercio representou un serán.

As adegas e o proceso do viño inspiraron dúas carrozas, a de Gandeiros do Deza e a da Cooperativa de Botos. Pola súa banda, Aprodeza decorou un barco con carteis das distintas edicións do Cocido, e Cabaleiros de Lalín recreou unha Encomenda. A Asociación Vida Riquiña, co lema “O cocido está de moda” deseñou unha xigante máquina de coser.

Belén Gestal (que adoita ir visitar o proceso de elaboración das carrozas) foi a encargada de explicarlles aos presentes o contido das carrozas así como os distintos entroidos tradicionais que participaron no desfile, chegados dende Cobres, Mormentelos (impresionantes co seu folión). Pero quen atraeu todas as miradas e grabacións de teléfono móbil foi Queitano, o porco de raza Duroc, propiedade de Manuel Dobalo, que abriu o desfile. E este si merecía un Oscar: ata se achegou a saudar aos medios de comunicación e posou para a sesión de fotos.

Pulsa para ver más contenido para ti