Imaxinen que estamos na Gala dos Óscar e que entre os nominados a mellor director figuran John Ford e Steven Spielberg. Estes dous xenios eclipsarían aos outros tres candidatos, fosen quen fosen. Pois ben, nos desfiles da feira do Cocido, ano tras ano, o pulso acaba sendo entre a parroquia de Sello e A Carballeira de Cercio. Os veciños de Sello gañaron o certame desde 2018, cos de Cercio en segundo posto sempre, agás en 2020, que quedaron por detrás da cooperativa de Botos.

Un dos nenos de Sello da forma a un ferro a base de martelo e fogo. Bernabe

Pois onte Sello acadou 188 puntos recreando cómo funcionaba unha ferrería. E non só impresionaba a pía dunha peza, senón un dos nenos que manexaba o martelo con tal soltura e compás que se notaba que non era a primera vez que o empregaba. Sello recibirá, con esta recreación, 1.050 euros. A Carballeira de Cercio (con 168 puntos) tamén optou polo contido etnográfico, baixo o título Esta noite hai serán. A música do baile poñíaa unha veciña ao son dunha lata de pimentón, como antano, e pechaba a carroza o cosco de millo a secar e un cabazo. En terceiro lugar clasificouse A Carqueixa da Veiga (163 puntos) que pechou o desfile de carrozas con “O Cocido”. Precedida por unha simulación da matanza, na carroza escenificábse unha degistación do prato estrela de Lalín.

A Carballeira de Cercio representou un serán. Bernabe

As adegas e o proceso do viño inspiraron dúas carrozas, a de Gandeiros do Deza e a da Cooperativa de Botos. Pola súa banda, Aprodeza decorou un barco con carteis das distintas edicións do Cocido, e Cabaleiros de Lalín recreou unha Encomenda. A Asociación Vida Riquiña, co lema “O cocido está de moda” deseñou unha xigante máquina de coser.

Belén Gestal (que adoita ir visitar o proceso de elaboración das carrozas) foi a encargada de explicarlles aos presentes o contido das carrozas así como os distintos entroidos tradicionais que participaron no desfile, chegados dende Cobres, Mormentelos (impresionantes co seu folión). Pero quen atraeu todas as miradas e grabacións de teléfono móbil foi Queitano, o porco de raza Duroc, propiedade de Manuel Dobalo, que abriu o desfile. E este si merecía un Oscar: ata se achegou a saudar aos medios de comunicación e posou para a sesión de fotos.