Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

lula goce nnficha persoal | Artista que participa na iniciativa ‘Mulleres Extramuros’

“O proxecto de Cortegada vai ser algo moi presente, moi novidoso e único”

“As creacións teñen que ser respectuosas co ambiente e coa xente, porque van formar parte da súa vida”

Lula Goce, durante a creación do mural ‘El susurro’, en Vigo. | // MARTA G. BREA

Ducias de paredes medianeiras de edificios e muros de cidades europeas, asiáticas e americanas locen creacións de Lula Goce. Pero tamén espazos urbanos de Vilalba, Vigo ou Panxón pasaron de ser zonas grises a transmitir unha profunda mensaxe. A creadora nacida en Baiona é unha das sete muralistas que participa no proxecto Mulleres Extramuros, co que enclaves da parroquia de Cortegada van lucir distintas creacións, nunha iniciativa pioneira que puxo en marcha a Deputación.

–Esta pasada fin de semana mantiveron o primeiro contacto coa veciñanza de Cortegada. ¿Como foi a primeira impresión?

–Moi boa. O entorno é marabilloso e a xente está súper disposta, moi ilusionada. Fixéronnos unha ruta e foron explicándonos de quén é cada casa. A xente ten ganas de que coñezamos a historia da aldea e da parroquia. A idea é que a raíz dos espazos e das paredes que vimos, cada unha selecciona o que lle chame a atención. As miñas compañeiras voltarán esta fin de semana, eu non porque teño outro proxecto en Irlanda, e comezaremos a pintar entre finais de xuño e comezos de xullo. Vin que os veciños estaban moi ilusionados, porque é algo novo para eles.

"A xente ten ganas de que coñezamos a historia da aldea e da parroquia"

decoration

–Vostede ten traballado en Miami, Bruxelas, Suecia... Cortegada é o seu primeiro encargo nun entorno rural. ¿Hai diferenzas á hora de decorar espazos en entornos rurais e urbanos?

–Cada lugar é diferente. No caso do rural, ten que ser unha creación moi respectuosa co ambiente e coa xente, porque non son grandes áreas e estes murais van formar parte da súa vida a partir de agora. É distinto nas cidades, porque nelas temos máis contaminación visual e estamos, por dicilo así, máis anestesiados. O proxecto de Cortegada vai ser algo moi presente, moi novidoso e único.

–¿Como inflúe o entorno urbano e a natureza á hora de ir dándolle forma a un mural?

–Hai que establecer un diálogo co entorno e coa mensaxe. En Bélxica [Goce decorou a fachada da Biblioteca Real, con motivo do 75º aniversario da ONU], quixen transmitir o achegamento a través da muller, inspirándome na pintura flamenca de Jan van Eyck. Noutros casos, esa aproximación vén representando á etnia que reside na zona. Sempre me gosta saber un pouco qué sucede ao redor do espazo que vou decorar, para que o diálogo se entenda.

"A miña fonte de inspiración tamén é a infancia"

decoration

–Vostede ten xa fama internacional, pero é suficiente con irmos a vilas e cidades máis ou menos próximas, como Vigo ou Vilalba para poder admirar os seus murais. ¿Podemos dicir que a súa fonte de inspiración son as mulleres?

–¡Bueno, esta primavera vou pintar catro homes! (risas). Pode ser que me inflúa a miña perspectiva como muller ou que me resulte máis fácil pintar mulleres, que tire de amigas para empregalas como modelos. Pero é certo que a miña fonte de inspiración tamén é a infancia, porque teño fillos. Pero si, teño pintado homes, como o mural de Isaac Díaz Pardo en Sada.

–Ainda asociamos a arte urbana aos grafiteiros, así, en masculino. ¿Seguen sendo minoría as mulleres á hora de facer murais e lenzos de grandes dimensións?

–Para min, comezar a traballar como muralista foi algo natural. Desde que estiven en 2015 nun festival en Bélxica nunca tiven problemas para traballar e nunca deixaron de facerme encargos porque fose unha muller. Se somos poucas traballando nesta disciplina, podería ser por cuestións como que tés que levar unha grúa ou que tés que pintar ti soa unha parede enteira. Eu, máis nova, saía a pintar grafitis con amigos, e pode ser que haxa un carácter mais testosterónico cos grafiteiros (risas).

–Vendo a sua web, un dos murais que máis me impresionou é o de El susurro, na rúa Florida de Vigo. En 2020, foi escollido entre os mellores do mundo pola plataforma Street Art Cities. Vostede xa tiña pintado outro na mesma cidade, na zona de San Gregorio, en 2017. Foi derrubado tres anos despois por unha promoción inmobiliaria.

–Sí, era un mural de 11 plantas. Lembro que cando o pintei sufrín moito, porque facía moito calor e un dos meus fillos ainda era moi pequeno, de feito nesa época eu estaba dándolle o peito.

O mural nas medianeiras da rúa San Gregorio, en Vigo, que foi derrubado en 2020. MARCOS CANOSA

–Mentres tanto, segue acumulando recoñecementos. O último foi no certame Street Art 2021, por un mural en Burgos en homenaxe ás persoas que padeceron cancro de mama. As 100 obras seleccionadas coñecéronse en xaneiro, e ademais da súa había outras tres de galegos ¿Xa se sabe o resultado do concurso?

–Quedei décima. Este certame é por votación on line, e sempre vai ser un resultado relativo, porque é contextual, comparan un mural con outro, sen máis, a ver cál gusta máis.

–Mencionaba antes que vaicompaxinar o proxecto de Cortegada cun encargo en Irlanda. ¿Que outras obras ten xa en marcha?

–Pois vou pintar, ademais de en Dublín, en Oleiros, Washington, Oleiros e Miami.

Compartir el artículo

stats