Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vicente Araguas | Director do equipo de redacción de “Olga”

“O centro literario de Galicia está na Estrada, que destacou xa desde o Medievo”

Hoxe presenta na Estrada un monográfico da Revista de Poesía Galega en Madrid que repasa nove séculos de poesía local

Vicente Araguas, coa súa neta Sira, nada o 31 de agosto. Cedida

O monográfico “A Estrada poética” que constitúe o noveno número da Revista de Poesía Galega en Madrid “Olga” repasa con 19 poetas os últimos nove séculos da poesía estradense. Ilustracións e fotos de artistas locais e ensaios sobre a literatura estradense de Mercedes Brea, Carlos Loureiro e Chus Nogueira completan o volume, que presentarán ás 20.30 horas de hoxe no Teatro Principal da Estrada o secretario e o director do equipo de redacción de “Olga” o poeta ouzandés Manuel Pereira e o músico e escritor Vicente Araguas. Este afirma, convencido, que A Estrada é o centro literario de Galicia.

FICHA PERSOAL

Músico, traductor, escritor cunha ampla obra poética e narrativa así como crítico literario nado en Neda en 1950, foi un dos fundadores do grupo Voces Ceibes en 1968. Premio Reimóndez Portela de Xornalismo e docente da Universidade Senior da Complutense, dirixe o equipo de redacción de Olga desde a súa creación con Sabino Torres no ano 2016.

–Que ten A Estrada para que a Revista de Poesía Galega en Madrid repase nove séculos da súa poesía?

–Francamente, é un dos mellores números que fixemos. Ten que ver que Manuel Pereira sexa de Ouzande. Pero, ao marxe diso, a razón real é que A Estrada ten un poderío literario extraordinario. O centro literario de Galicia está na Estrada. E quen teña algunha dúbida, que revise este número da revista. Verá que así é. É un dos concellos máis activos e vivos de Galicia literariamente falando. Aquí ten habido e segue habendo moi boa literatura e música. Un exemplo: o destas rapazas que están de total actualidade, A Banda da Loba. É do mellor que hai na música galega actual. Tiven a oportunidade de escoitalas este verán en Narón. Dúas delas son da Estrada, as irmáns Marcela e Andrea, que tamén están no libro. Pero, realmente, A Estrada sempre destacou na literatura. Xa desde o Medievo, como se pode ver neste número da revista cos dous trobadores. E non só destacou en poesía. Só hai que pensar en Manuel García Barros. Estiven lendo os Contiños da Terra. Sen dúbida, son equiparables ao mellor Chéjov. Polo seu humor, ainda que no seu caso marcado por un forte costumismo. Pero volvendo a este número da revista, quedou bordado. Niso, quero agradecer moi especialmente o labor de Manuel: sen el a revista non existiría. El fai o traballo duro: é moi traballador, moi sensible e moi bo poeta.

–Acompañan o volume traballos de expertos acerca da lírica e a literatura estradense así como imaxes de fotógrafos e artistas locais...

–Resulta moi interesante neste número a súa variedade. É unha revista poética moi diversa. Hai moitos colaboradores espléndidos, de grande altura. O seu labor foi extraordinario. Tamén Manuel ten unha sensibilidade moi boa para o plástico, o fotográfico.E non podemos esquecer a Rafa Yáñez, Lidia Teixeiro, que leva a parte estilística... E a Ricardo Pichel, un crack, un intelectual. Galicia está a vivir un momento marabilloso. Nótase. O equipo que fai Olga –salvo Manuel e eu, que somos os veteranos- fórmano xente nova. A ver se cunde o exemplo entre os subscritores, que son maioritariamente de idade avanzada.

–A que atribúe o nivel histórico e actual das letras estradenses?

–A Estrada é e foi zona de paso, como indica o seu nome. Antonio Fraguas estuvo aquí. Fermín Bouza Brey foi xuíz da Estrada. Paco Rodríguez foi profesor no seu instituto. Non é casualidade o nivel cultural desta vila aparte da súa propia posición xeográfica, a tiro de pedra de Santiago.

–É xa o noveno exemplar da revista, que balance fai destes anos?

–Foi un empeño absolutamente romántico de ter unha revista en papel e non só en formato dixital. Había moito paxaro de mal agoiro que dicía que non ía perdurar. O ideólogo foi Sabino Torres, que apostou por facelo así. Conseguímolo. Quedou demostrado que con tenacidade, insistencia e esforzo se pode facer.

–Que novos retos se marcan?

–Imos a polo número seguinte. Terá que ver coa poesía nova galega, con homes e mulleres de plena actualidade. Temos xa unha traxectoria. Superamos a pandemia. Queda demostrado que o noso discurso non está errado. E engado e, por favor, fágao constar así,o noso agradecemento a que un xornal tan prestixioso como FARO DE VIGO –son un fervente partidario da prensa en papel– se faga eco da nosa revista e a vostede mesma: é un pracer comprobar cómo hai xornalistas capaces de facer prensa local con vocación universal.

Compartir el artículo

stats