Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Víctor García Rodríguez | Director da Banda de Música Popular de Muimenta

“Cando tes amigos entre os músicos resulta máis difícil”

“Eu preparei as probas e houbo sorte, non contaba con isto para nada”

Victor García dirixindo á banda durante un concerto.

Dende hai máis dun ano, a Banda de Música Popular de Muimenta conta cun novo director. Aínda que a situación de pandemia aprazou a súa presentación oficial ata o pasado mes de xullo, Victor García é ben coñecido polos integrantes da formación e a veciñanza da zona.

–Como xurdiu esta oportunidade?

–A verdade é que foi algo espontáneo completamente. Aínda que non tiña experiencia nin moita idea, vin aí unha oportunidade. Sacaron as probas e decidinme a intentalo. Mandei o currículo e logo a propia banda envía unhas obras para facer unha proba con cada director que seleccionan. Prepáralas e ensáialas cos músicos para que vexan como traballas e finamente votan e elixen o que más lles gusta ou mellor opción lle parece. Eu preparei todo e houbo sorte, non contaba con isto para nada, pero aí estamos.

–Foi complexo adaptarse a este novo cargo?

–Xa levaba tempo tocando con eles, entón cando tes moitos amigos entre os músicos e máis difícil, non sabes ben como vai ser a cousa. Polo momento sorprendeume para ben. Si que vexo unha resposta nos ensaios e unha actitude positiva, imos bastante ben. Digamos que a confianza se deixa a un lado.

–Como está sendo o ano en canto a actuacións e saídas?

–O ano pasado estivo máis complicado que este. Neste, a partir de marzo si que puidemos ensaiar e planificar un poco algún concerto. Actuacións non houbo moitas, penso que sobre cinco ou así, pero mellor que no 2020, que foron soamente dúas. Agora estamos a preparar as festas de Lalín, que ao final non sei se se levarán a cabo. Logo xa viría a Santa Cecilia e o Nadal, a ver se para entón a situación está algo mellor.

–Houbo algún inconvinte á hora de realizar os ensaios ou temor a asistir por mor da pandemia?

–Non había moito medo, no bo sentido. Cumpliuse o protocolo estritamente, de feito ao principio ensaiabamos en grupos máis reducidos. Finalmente, quitamos as butacas do auditorio para poder reunirnos todos mantendo as distancias. Ensaiar por grupos está ben, pero chega un punto no que tes que xuntar á banda enteira. Non houbo problema por iso, puiden xuntar á banda case toda durante este período.

–En que se basea o repertorio da banda?

–Intentamos tocar un pouco de todo. No que se refire ás festas, somos unha banda popular e ao final debémonos ao que o público demanda. Aínda así, si que tratamos de variar nos estilos, dende música máis sinfónica, con pasodobres, zarzuelas, etc., e logo xa tamén un pouco de música latinoamericana, como mambo por exemplo. Que haxa unha diversidade de xéneros.

–Que obxectivos se plantexa para un futuro?

–O que intento é que o repertorio sexa un pouco distinto ao que están afeitos a tocar, quizais cun pouco máis de nivel. Ao mellor son optimista nese sentido, pero creo que non vén mal, sobre todo ler moito repertorio e así poder ir incrementando o nivel da formación. Tamén nun futuro non moi afastado, nun ano ou dous, estaría ben presentarse a un certame de bandas.

Compartir el artículo

stats