Con motivo do 25º aniversario do falecemento de José Otero Abeledo, Laxeiro, o Concello de Lalín desenvolveu onte unha serie de actos para conmemorar a súa figura. As principais actividades tiveron lugar primeiramente no Museo Ramón Mª Aller, onde se inaugurou unha mostra composta por unha selección de obras que o pintor universal doou ao goberno local. Tamén se presentaron Os Cabezudos de Laxeiro, figuras realizadas por Luchi Iglesias, e interviron dous artistas amigos do pintor, Paco Pestana e Antón Lamazares.

O primeiro deles sinalaba que se divertira moito co artista e recordaba algúns momentos que pasaron xuntos, como cando lle comprou dúas esculturas:”pagoumas en Madrid por debaixo da mesa como se fósemos dous traficantes de haxix e dixo: cóntaos, que despois se non está a conta feita non che dou un peso máis”. Pestana falou tamén doutras anécdotas de carácter escabroso, da súa gracia e do seu sentido do humor, que mantivo ata os seus últimos anos. Pola súa parte, Lamazares mostraba o seu agradecemento por telo coñecido e reparou en que “nos toca defender a súa memoria, que é grande e que cada día será máis grande”, para rematar cun “larga vida a Laxeiro”.

Posteriormente, as autoridades, familiares e demais presentes trasladáronse ata o cemiterio da Romea, lugar onde está soterrado o artista, para continuar coa súa homenaxe. Nesta ocasión, o alcalde de Lalín, José Crespo, tomaba a iniciativa para sinalar a importancia do lalinense ilustre, destacando que “se non existira Laxeiro, ao mellor non había o elenco de pintores que temos hoxe”. Así, Crespo facía fincapé en que Lalín é terra de músicos e de pintores, expresaba o seu desexo de convertirse nun punto de referencia a nivel galego nestes dous ámbitos. Sumábase tamén a contar algunha anécdota, nunha ocasón que o mesmo alcalde foi ata Vigo para visitalo e preguntarlle como quería que se celebrase o seu enterro –dende o humor e a retranca–, posto que o pintor xa se atopaba en malas condicións. Laxeiro contestoulle da seginte maneira: “o único que quero é un gaiteiro, pero un gaiteiro só; se vexo que detrás da miña caixa vai máis dun, levántome e douche unhas labazadas”. Recalcando que as súas anécdotas poderían encher libros, Crespo poñía a disposición todo o necesario por parte do Concello para os actos que se lle van dedicar no Día das Artes Galegas 2022.

Ao remate da intervención do alcalde, realizouse a ofrenda floral ao cadaleito acompañada da interpretación da Muiñeira de Laxeiro por Plácido Rozas, composta por el mesmo. De seguido. o filólogo, escritor e poeta Luis González Tosar rememoraba o momento no que coñeceu ao lalinense, así como as conversas e os cafés que lle serviu cando o poeta exercía como camareiro en Vigo. Engadía que o lugar de Laxeiro está tamén entre as palabras, non só na arte plástica, destacando o seu labor como amigo, colaborador e protector de grandísimos poetas: dende Rafael Alberti ata a xeración de poetas arxentinos como Borges ou Sabato. Por último, González recitaba un poema en homenaxe á figura do pintor, que escribiu cando este aínda vivía.

En nome da familia e como director xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero agradecía o permanente recordo do seu avó e mencionaba que a fundación xa conta con máis de 4000 pezas catalogadas e que próximamente será necesario ampliar. nun novo apéndice Por outro lado, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manul Quintana Martelo, expresaba a súa satisfacción por nomear a Laxeiro como artista a homenaxear no Día das Artes Galegas 2022. Ademais, sinalaba que dentro do ámbito da academia, o acto de conmemoración, que se celebrará o día 1 de abril, pretende facerse no lugar de nacemento do homenaxeado, como ocorreu con Castelao en Rianxo ou Maruja Mallo en Viviero. Interviron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incitando a organizar un programa de actividades consesuado para remar nunha mesma dirección; e Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento, que recordou especialmente as vidrieiras que o artista elaborou para a sede do poder lexislativo galego.

Finalmente, o acto pechouse coa actuación da Banda de Lalín baixo o título “Ensemble Laxeiro”. A programación de homenaxe ao pintor continuará o próximo sábado con dous pasacalles a cargo dos Cabezudos de Laxeiro acompañados pola agrupación A Carballeira de Cercio. Por ultimo, o domingo será turno para os gaiteiros Os Xuncos.

A Banda de Lalín ofrecendo un concerto, onte, no acto de homenaxe a Laxeiro. Bernabé //Javier Lalín.

Posta en escea dos Cabezudos, por Luchi Iglesias

Durante os actos de homenaxe ao pintor lalinense, tivo lugar a presentación dos Cabezudos de Laxeiro, unhas figuras realizadas polo artista e artesán Luchi Iglesias. Inspiradas no propio cadro de Laxeiro A familia Romea, Os Cabezudos foron levados á tridimensionalidade despois dun grande esforzo. Iglesias comentaba que un dos principais problemas á hora de emprender o proxecto foi a diferenza de escala entre as disitintas figuras. Existe unha liñalidade común a todas elas, que é a mirada do manipulador dos cabezudos, polo que para poder mantela foi necesario menguar uns e elevar outros.

O evento acolleu tamén unha demostración de Luchi cun dos cabezudos para exemplificar a importancia da súa posta en escea, que será acompañada durante os pasacalles deste sábado coa oratoria dalgúns textos do propio Laxeiro. “Toda tradición sempre ten un punto de arranque e pode ser que o sábado 24, os veciños e veciñas de Lalín queiran que ese día sexa o punto de arranque da tradición dos Cabezudos de Laxeiro”, sinalaba o artesán. Os Cabezudos son propiedade do Concello de Lalín e colocaranse de forma pernanente do Museo da Marioneta, aínda que poderán visitar Vigo ou outros emprazamentos. Ademais, o seu uso vaise estender a distintos actos como a Feira do Cocido, o Entroido ou outras festividades.

Luchi Iglesias, onte, durante a presentación dos Cabezudos de Laxeiro. Bernabé //Javier Lalín.