Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

PAULO VICENTE MONTEAGUDO | Presidente de Rapa das Bestas

“As torres dos eólicos van destrozar a zona que coñecemos para a baixada das bestas”

Este é o seu segundo ano de mandato, aloitando co impacto de pandemia sobre a festa

Paulo Vicente Monteagudo agarda nun curro para desparasitar a un animal.

Hoxe sería día de curro en Sabucedo. O segundo da tempada. Porén, o que non deu feito a Guerra Civil conseguiuno o COVID-19. En 2020 as bestas do Santo non baixaron ao curro e neste 2021 farano máis tarde do habitual, cando o mes de agosto estea a piques de rematar. Non será coma sempre, pero será Rapa, a mesma que mantén ocupadas ás xentes desta parroquia da Estrada tódolos días do ano, que as fai investir días libres e vacacións na procura do benestar dos animais e erguerse ante calquera depredador, por xigante que se pense, para protexer un legado que o, como sinala o presidente da asociación Rapa das Bestas, Paulo Vicente Monteagudo, clama protección. Tocoulle aloitar nun tempo difícil como presidente, pero o seu aviso é claro: “sen bestas non hai festa”. Os datos confirman as súas palabras: de 800 a 300-350 animais. É tempo de actuar para que despois non haxa que lamentar.

–Dous anos como presidente da asociación Rapa das Bestas e non lle podían tocar máis complexos: un con rapa no monte e outro con rapa extemporánea…

–Si, a verdade é que si. Hai que facelo. Está claro que non foron os anos máis fáciles para isto e supoño que a ninguén lle gustaría pasar por esta tesitura pero a xente decidiu que tiñamos que estar unha serie de persoas para darlle a isto para diante e, coa dureza que amosou a pandemia, tentamos facelo o mellor que puidemos.

–En 2020 aloitaron na casa das bestas pero este 2021 será distinto. Non será un ano sen Rapa das Bestas, sen curro, mellor dito.

–Si. Este ano vai ser algo máis similar á Rapa normal. Imos baixar as bestas a Sabucedo, haberá algunha actuación musical, non vai haber orquestras nin verbena tal y como a coñecemos, porque coidamos que aínda non está a cousa para iso, ou que unha asociación coma a nosa non pode controlar un proxecto que conleve actuacións de orquestra pola noite porque se pode volver incontrolable. O que imos é ter actividades de día e, en canto ás bestas, o procedemento vai ser o mesmo: o venres imos ir por elas ao monte, o sábado haberá un curro e o domingo outro. O luns non haberá curro este ano porque nos metemos moito en finais de agosto e moita xente ten que marchar. Imos ver o que sae. Esperamos o mellor.

–A presenza de público está garantida este ano?

–Tal e como están as cousas neste momento, aínda habendo brotes e rebrotes, a idea é que haxa público. A maioría das entradas, ou todas, van ser vendidas online. O que queremos é evitar as colas no curro. O que faremos é sacalas á venda a mediados de xullo e sinalaremos como serán os aforos que nos marquen as administracións.

–Xoga a favor o feito de que o curro sexa un espazo ao aire libre.

–Si, e pensamos que vai ser un aforo que poderá estar case ao completo pero tomaremos as medidas, mesmo máis aló das administrativas, para que se faga correctamente, haxa unha distancia de seguridade.

–Se público ou con aforo reducido...xa non é tanto que quen quere desfrutar do espectáculo da Rapa das Bestas poida facelo, senón que se non hai xente nas gradas, a perda económica é notable para a asociación que preside. Ata que punto lles está afectando neste terreo?

–Nós o que sacamos das entradas é realmente o que sacamos en limpo para comprar todo o material que precisamos despois todo o ano, para botarlle gasóleo aos coches para subir ao monte, para pagarlle a unha persoa que, ao mellor nun momento dado, ten que traballar... Eses son os recursos que extraemos do curro, porque o resto das axudas son subvención que hai que gastar na propia Rapa, é dicir, que axudan a facer a Rapa pero das que nós non quedamos con recursos económicos. Iso é o que a nós nos axuda a tirar e, non tendo iso e cos gastos acumulados do ano anterior, o que fixo é que base económica da rapa descendera bastante.

–Trala pegada das Bestas. Unha xornada de contacto coa forma de vivir destes animais e tamén, segundo recoñecen, un xeito de protexer a cabana. Cren que está desfavorecida?

–Si. Nós queremos que a nosas bestas teñan futuro nos montes pero o futuro non está axudando moito. Falo de cousas como o lobo pero tamén doutras quizais máis importantes que non son de selección natural, senón do home e de como actúa sobre o monte. Aquí podemos meter os eólicos, que van facer unha verdadeira desfeita no monte das bestas. O outro día estivemos alí mirando onde ían as torres colocadas pola zona por onde se fai a baixada das bestas o venres e van destrozar todo o que coñecemos como baixada das bestas, porque van facer unha macrorrotonda para que dean a volta os camións, van abrir pistas de dez metros de ancho... o lugar non vai ser como co coñecemos. Despois están outras problemáticas como o uso do monte. A xente abandona o rural e unha das saídas que lle ve ao monte é plantar. Cando se fan esas plantacións péchase para que os animais non coman os brotes e os animais quedan sen terreo. A verdade é que o futuro das bestas está cada vez máis complicado.

–Convertémonos no seu principal depredador entón?

–Dende logo. O lobo non representa nada respecto aos depredadores que podemos chegar nós.

–Neste tempo a asociación pediu a xestión do albergue turístico de Sabucedo.

–Si. Estamos deixando traballar á adminitración parque tomen unha decisión.A infraestructa é súa pero agardamos a posibilidade de contar con el. Seriamos o eixo central do desenvolvemento de Sabucedo como unha aldea turística ou referencial, que a xente poida visitar durante o ano, subir ao monte, coñecer as bestas, o curro, as exposicións que temos.

“Coa búsqueda do BIC tentamos que a tradición e os animais estean protexidos. Non hai festa sen bestas”

decoration

–Os parques eólicos proxectados sitian o hábitat das bestas de Sabucedo, porque non se proxecta un nin dous senón polo menos media ducia.

–Na zona da que falamos van ao redor de sete parques diferentes. Bueno, diferentes, estes parques que son macroparques e de súpeto acaban divididos para salvar medidas medioambientais que non pasarían como megaparque pero que comparten a mesma torre de enerxía, de recollida...ao final usan as mesmas liñas de alta tensión co cal, o que vemos é que son fórmulas para pasar medidas medioambientais que non pasarían doutra maneira. Realmente o cabalo galego de monte, as nosas bestas, non representan nada para eles nos estudos medioambientais porque non o catalogan como un animal de especial interese, xa que a normativa a este cabalo, ao ter dono, entende que non é un animal salvaxe. É algo que imos tentar subsanar coa búsqueda do BIC para a Rapa das Bestas, que dalgún xeito a tradición e os animais estean protexidos dalgunha maneira porque, senón, non hai ningunha fórmula que poida facer que as bestas do monte teñan algunha protección ante adversidades como poden ser os eólicos, plantacións ou o que sexa. Non hai tradición sen bestas. Son os mamíferos máis grandes no monte da Europa occidental e teñen que esta protexidos, porque son unha raza como un cabalo galego de características claras que sobrevive no monte libremente sen axuda e que é un patrimonio natural, cultural e ecolóxico fundamental do noso país.

–Hai avances reais no expediente?

–Si, agora parece que camiña un pouco máis. Camiña a modo pero vai. Nós precisamos que camiñe un pouco máis rápido para que isto non se nos escape entre as mans. Pasamos de 800 bestas e agora estamos en 300-350 e, se seguimos este camiño, que vai pasar con elas? Se desparece, desaparece unha parte importante do patrimonio cultural e inmaterial de Galicia

–A merma é brutal. Que factores condicionaron esta baixada?

–Comezou en 2006, cando foron os incendios. Aí morreron moitísimas bestas. Custou moito empezar a subir outra vez a cabana, que reprodución fixera que no seguir minguando. Pero a partir daí, fóronse comprando bestas, desbrozando monte pero é difícil. As betas non están rodeadas do mellor hábitat e condicións para vivir libremente. Para nós é máis difícil traballar con perspectivas positivas porque todo vai en contra.

Compartir el artículo

stats