Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CARLOS NEGRO nn | Autor do poemario “Estrita necesidade”

“Este libro é un diálogo entre xeracións e trata tamén a evolución da masculinidade”

“A colaboración con Benxamín Otero para ilustrar os poemas foi un proceso moi natural”

Carlos Negro e Benxamín Otero colaboraron en 'Estrita necesidade'.

O Café Casino de Lalín acolle hoxe (20.30 horas) a presentación de Estrita necesidade, o novo poemario de Carlos Negro. O volume que edita Alvarellos está ilustrado por outro lalinense, Benxamín Otero, e trata de ser unha homenaxe escrita e visual á xeración da postguerra, marcada pola austeridade e o traballo.

–Teño que confersarlle que me emocionou a portada do libro, porque o prato que aparece na portada é da mesma vaixela que conservaban sen estrear na casa os meus pais, que tamén son da xeración da posguerra. ¿Que significa a mazá que está pousada sobre el?

–A mazá é unha símbolo da austeridade, porque na xeración do meu pai ensinábase a aproveitar a mazá ata o carozo e a quitarlle tamén o mínimo de pel. Nunha das fotografías aparecen tamén as mans do meu pai, porque a súa xeración era moi habilidosa coas mans, mentres agora todo é máis dixital. O libro, en realidade, é unha reflexión sobre a xeración do meu pai, sobre o que herdamos dos pais, para ben e para mal. Temos que lembrar que a nosa sociedade cambiou moito, pasamos dunha sociedade de austeridade a outra de consumo. Os nosos pais xa nos educadron a nós con outros valores, pero hai conceptos, como a austeridade, que teñen un valor positivo, e que deberíamos conservar.

–Para compoñer os poemas, ¿botou man das súas lembranzasde cando vostede era neno ou foi tecéndoo a través de diálogos co seu pai?

–Foi un proceso que tén dúas partes: Eu agora teño 50 anos, estou na coñecida como mediana idade, así que me sentía na ‘estrita necesidade’, como se titula o libro, de contarme a min mesmo quén é o meu pai, e de paso ir collendo conciencia sobre o que significa ser pai, xa que agora eu tamén o son. Así que por un lado teño a memoria persoal, que me permite ver a evolución do tempo e o que herdamos dos pais e por outra banda, cando falaba co meu pai xurdían cousas novas, como o uso das ferramentas. A filosofía coa que afrontei o libro pode resumirse na coñecida frase ‘Sea yo como mi padre, pero no en todo’. Temos que ser conscientes de que os nosos fillos tamén nos xulgarán a nós e do que é a educación de pais a fillos.

–¿Xa que o seu pai é o protagonista, que lle pareceu o libro?

–Ai, quedou moi contento porque lle serviu para contar cousas. Estivo léndoo coa miña nai e díxome “de cántas cousas te acordas”. Pero claro, a memoria tén unha parte de investigación e outra de reconstrucción.

–Vostede di que este libro serve para entender cómo co paso do tempo foi cambiando a masculinidade. ¿Podemos pensar que é un libro con fins didácticos?

–Non, nin é un libro didáctico nin etnográfico, non vai enfocado a iso. É un libro emocional e con certo aspecto sociolóxico. Para min, é un libro moi de silencio, moi de tacto, de sensacións, con poemas moi breves.

–É a primeira vez que colabora con Benxamín Otero para ilustrar un libro seu. ¿Como foi?

–Eu quedei moi contento co resultado. Foi un proceso moi natural. O poemario en principio non levaba fotografias, pero o editor suxeriume que lle metese imaxes. Así que Benxamín leu o poemario, e mediante un proceso de diálogo decidimos incorporar fotos como capítulos, como contando unha historia. Non queríamos unha ilustración para un poema, senón que o que temos é un libro contado con poemas pero tamén con fotografías, que non son outra cousa que poemas visuais.

–¿Na presentación desta tarde recitará algúns dos poemas deste libro?

–Vai ser un acto moi bonito, con música e poesía, porque Benxamín é un artista multidisciplinar. E con nós vai estar Celso Fernández Sanmartín, co que nos imos xuntar tres amigos que temos curiosidades artísticas. Para nós é moi bonito xuntármonos.

Compartir el artículo

stats