Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Daniel González Alén | Autor do informe sobre o Camiño de Inverno en Lalín

“Temos en estudio unha variante entre A Corredoira e O Espiño pola Ponte dos Potros”

“Habería que ver o trazado máis axeitado por Lalín 2000, onde desapareceu o primitivo”

Daniel González Alén diante da igrexa de Lalín de Arriba. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Vai para 20 anos que Daniel González Alén, axudado polas súas fillas Aurora e Oliva procedeu a trazar o Camiño de Inverno polo municipio de Lalín, atendendo o encargo do entón concelleiro de Cultura, Roman Rodríguez, e da presidenta da Asociación dos Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aída Menéndez, que tamén correu coa publicación no ano 2006 da primeira guía do Camiño pola comarca de Deza, a que o cronista dezao puxo texto e fotos. Recentemente por encargo do Padroado Cultural do Concello de Lalín e das asociación dos Camiños a Santiago por Lalín-Deza e Viarium Dezae, elaborou un informe sinalando aspectos históricos e tradicionais desta vía de peregrinación a Compostela polo casco urbano de Lalín, que serviu de base para as alegacións a un polémico novo trazado que foi sinalizado pola Dirección Xeral de Turismo e o Xacobeo, que vén de dar marcha atrás retirando os sinais para colocalos no itinerario orixinal, que serviu de base para o seu recoñecemento oficial en 2016.

González Alén e Rodríguez Jácome, no Paseo do Pontiñas. Bernabé/Javier Lalín

-Estará satisfeito pola retirada dos sinais que a Dirección Xeral de Turismo puxera a pasada semana, modificando o Camiño de Inverno pola vila de Lalín...

-Si, logo de tres meses atendéronse as alegacións a un inverosímil trazado do Camiño de Inverno pola vila de Lalín. Turismo xa retirou os sinais que puxeron nestes días e supoñemos que o Xacobeo tamén reverterá o trazado a situación anterior. O Camiño de Inverno polo casco urbano de Lalín, que marcamos hai vinte anos e que serviu para o recoñecemento oficial para as guías e a sinalización existente deica o de agora, está baseado na historia, nos mapas antigos e na tradición oral, e cumpría respectalo. Vai pola igrexa monacal de Lalín de Arriba, a Calzada, segue por onda a Torre dos Deza, que agora é parque de Loriga, pola vella casa consistorial, que agora é biblioteca, e despois do Regueiriño cruzaba o río Pontiñas ou Cavirtas pola desaparecida Ponte do Estanco, no que agora é a da circunvalación, e a Carballeira da Botica, que hoxe ocupa o Centro Comercial Pontiñas. Fóra do casco urbano, cómpre proceder a completar a sinalización e corrixir algúns erros por parte de quen corresponda, de acordo co Concello, asociacións e cantos poidan achegar documentación a tal fin.

-Fóra da vila de Lalín, por onde se tería que corrixir ou modificar o trazado do Camiño?

-Coas dúas asociación indicadas e axuda dos amigos Xosé Luís Rodríguez Jácome e Moncho Villanueva, temos en estudo algunha pequena variación ao actual itinerario polo noso municipio. É o caso dun treito entre A Corredoira e O Espiño en Filgueira, que decorre polo Paseo Fluvial do Pontiñas, onde o levamos hai vinte anos para afastalo do intenso tráfico da estrada N-525, que xunto a varias construcións ocupou o antigo camiño real, que tentamos recuperar logo da EDAR, indo paralelo ao paseo fluvial e á estrada polo anaco do camiño que aínda se conserva, pasando pola Ponte dos Potros e a Casa da Fábrica de Curtidos do Espiño. Nese senso andamos a preparar un informe e os planos precisos para esta sinxela modificación que supón un aforro duns 300 metros de percorrido evitando un rodeo que decorre por un fondal que o río converte nun lameiro no tempo das enchentes.

A proposta é levar o trazado pola Ponte dos Potros e a Casa da Fábrica de Curtidos do Espiño. Bernabé/Javier Lalín

-Algún treito máis por onda o Lalín 2000 ou cara a Rodeiro?

-Despois da Carballeira das Casianas e polo parque empresarial, desapareceu o camiño primitivo, polo que habería que ver o trazado máis axeitado e tamén dotalo dun paso elevado sobre a N-525 ao carón da rotonda existente preto do albergue da Laxe, que xa ten en estudo o Concello. Dende Rodeiro a Lalín de Arriba, logo da Ponte de Pedroso ou mesmo da do Hospital na saída da vila capital de Camba, poderíase estudar o trazado, pero é unha cuestión moi complicada, ao igual ca discutida subida ao cumio do Faro, e polo de agora non está na nosa axenda e mesmo non sei se será o intre máis oportuno para tratar o asunto.

Compartir el artículo

stats