Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Todos os camiños levan a Santiago, mais por onde?

Sinal na rúa Principal que se afasta do trazado orixinal.  | BERNABÉ / JAVIER LALÍN

Sinal na rúa Principal que se afasta do trazado orixinal. | BERNABÉ / JAVIER LALÍN

Como a Roma, todos os camiños levan a Santiago. Mais a cuestión, sobre todo cando se xoga o pecunio turístico é: Por onde? Neste caso, non interesan circunvalacións, senón que o peregrino atravese polo miolo do pobo, polas rúas máis comerciais e polos recantos con máis feitizo. Por iso, non se entende que a Xunta de Galicia se empeñe en manter o trazado do Camiño de Inverno que figura nos seus mapas, en vez de o que lle propuxeron o Concello de Lalín e as asociacións Camiños de Santiago por Lalín-Deza e Viarum Dezae. A súa proposta está argumentada por un informe do cronista Daniel González Alén, máis rigoroso e axustado á historia e á tradición do propio pobo.

O Xacobeo está a sinalizar o Camiño de Inverno ao seu paso polo núcleo urbano de Lalín en base ao trazado que figura no Plan Básico Autonómico. Ese recorrido arrédase da igrexa de Lalín de Arriba, da rúa Calzada, a estatua de Loriga, o Museo Ramón Aller ou as sedes consistoriais, vella e nova. Así o denunciaron no seu día asociacións dezás que promoven as rutas xacobeas e o propio Concello de Lalín, que encargaron un informe ao investigador Daniel González Alén, fundamentado na tradición. Mais, á vista do que está a acontecer nestes días, semella que todo aquel esforzo non serviu para que se correxira o erro.

“Aquí semella que tódolos camiños levan a Santiago e admítense este trazado urbano sen rigor histórico algún, alternado impunemente non se sabe con que criterio o Camiño trazado que se ten por bo”, afirma o investigador lalinense. O trazado do Camiño de Inverno que se indica no novo plano-mapa polo casco urbano “non se corresponde practicamente en nada co primeiro” que el mesmo axudou a realizar en 2003 a petición da Concellería de Cultura de Lalín e da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. “Un plano-mapa que recollen diversas guías e publicacións e mesmo figura sinalado sobre o terreo con marcos ou fitos de pedra, así como na totalidade dos mapas e paneis editados deica o de agora, servindo de base para o seu recoñecemento oficial en 2016”, di.

Camiño de Inverno ao seu paso polo casco urbano de Lalín: En amarelo o trazado orixinal de 2003 e en vermello, o sinalizado agora polo Xacobeo.

Pola contra, o trazado agora marcado e que figura nas páxinas web oficiais da Xunta e do Xacobeo “ignora os antigos camiños que atravesan a vila en detrimento doutros máis recentes e supón un rodeo de máis de medio quilómetro respecto ao que temos por orixinal e que desde hai anos está sinalado con marcos ou fitos”. Subliña que “tamén deixa á marxe interesantes monumentos como a igrexa monacal de Lalín de Arriba e o seu conxunto, a Rúa da Calzada, a estatua do aviador Loriga, o Museo Municipal Ramón Mª Aller ou a biblioteca e antiga casa consistorial, amais de afastarse da nova, coñecida como Castro Tecnolóxico, orixinal referente da arquitectura de vangarda”. “Todos estes lugares aparecían integrados e podíanse contemplar no anterior trazado realizado vai para vinte anos, desde a Ponte de Pedroso nos lindes do municipio de Rodeiro ata o Albergue da Laxe, na parroquia de Bendoiro, onde concorre coa Vía da Prata ou Camiño Mozárabe”, apunta.

“Segundo os novos planos da Xunta, o Camiño de Inverno entraría na vila pola actual estrada PO-533 (Lalín-Chantada), construída hai pouco máis de cen anos, ata chegar á Praza da Igrexa para, desde a encrucillada do Quilómetro Cero, percorrer a totalidade da rúa Principal –explica Alén–. Esta rúa correspóndese cun treito da estrada de Santiago-Ourense, inaugurada no ultimo terzo do século XIX”. Salva o Pontiñas ou Cabirtas polo Pontillón, lugar no que ata finais do XIX “non existía paso nin ponte ningunha para atravesar o río”. Segue logo uns cen metros por “un antigo camiño secundario procedente do lugar da Torre de Lalín, que, despois do Barrio de Abaixo, atravesaba o curso fluvial por dúas pontiñas, a coitío asolagadas nas enchentes do inverno, que permitían continuar cara a Goiás e Xaxán, con enlaces a Brántega (Agolada). Aquelas pontellas foron substituídas a finais do século XX por unha de formigón para o Paseo do Pontiñas, que é o que segue o trazado que agora se pretende impoñer”.

Sinal na rúa Monte Faro, cara a Praza da Igrexa de Lalín. Bernabé/Javier Lalín

Baseada na documentación existente e nas testemuñas dos veciños máis vellos do municipio, a ruta marcada en 2003 “seguía con rigor a antiga calzada medieval que logo foi Camiño Real. A calzada, que aínda da nome a unha rúa, procedía das terras de Rodeiro e chegaba ata a igrexa de Lalín de Arriba, pasando a carón do solar da torre fortaleza dos Condes de Lemos –destruída no 1846– e o antigo campo da feira presidido polo célebre carballo da manteiga presente no escudo municipal –expón Alén–. Aquel primitivo itinerario medieval deixaba á súa beira o vello consistorio e o cárcere público para chegar ao Regueiriño, salvaba o Cabirtas, pola desaparecida Ponte do Estanque –mencionada no Catastro de Ensenada–, derrubada ao construírse a circunvalación nos anos oitenta. O ramal principal continuaba pola Corredoira, pasando a rente da Carballeira da Botica, á par da N-525 ata O Espiño”.

González Alén entende que, antes de facer “unha profunda variación” do Camiño de Inverno por Lalín, “teríanse que procurar documentos e informes rigorosos e contactar coas persoas e entidades implicadas” no seu estudo e promoción. “Non sabemos a que intereses atende o novo trazado e non vemos que teña beneficios para o común”, conclúe o cronista, que, pola contra, sostén que o trazado anterior “atende a motivacións históricas e achega vantaxes, tanto para a veciñanza como, sobre todo, para os camiñantes, contribuíndo a poñer en maior valor os atractivos turísticos e culturais da vila”.

Os socialistas piden a reversión do trazado

O PSOE de Lalín esixe a reversión inmediata da sinalización do Camiño de Inverno que se está colocando estes días e que é un “absoluto sen sentido”, pois evita as zonas polas que pasou a ruta xacobea desde sempre e que gardan evidencias históricas do paso de peregrinos. “É unha barbaridade que a Xunta estea cometendo erros de tanta gravidade na sinalización dun trazado considerado ben de interese cultural”, afirman os socialistas, que piden ao Concello “máis firmeza e menos pasividade coa Xunta para que se corrixa esta situación”. Consideran que é “unha auténtica falta de respecto” que “desprece eses esforzos e varíe arbitrariamente o percorrido”, e máis logo do investimento realizado para rehabilitar e facer máis acolledoras zonas do Camiño de Inverno como a entrada a Lalín de Arriba.

Compartir el artículo

stats