Non podía ser doutro xeito. Nun ano marcado a ferro pola pandemia, o sentimento destes meses que tan fonda pegada deixan uniuse á homenaxe que se adica a Rosalía de Castro cada 24 de febreiro. Sen embargo, lonxe de ser este un tributo feito dende a morriña pola vida que mudou, é a forza a que toma a palabra, representada por veciños da Estrada que pelexaron e pelexan para que todos espertemos deste longo pesadelo.

O edil de Cultura, Juan Constenla, presentou onte o vídeo co que o Concello da Estrada honrará a Rosalía de Castro no seu día. Desta volta, por mor do COVID, houbo que cancelar o acto institucional que acompaña sempre a esta presentación e no que unha representación de escola e cultura estradense recita poemas da escritora padronesa. Malia todo, o Concello renderá esta homenaxe coa difusión dun vídeo filmado polo realizador Lucas Terceiro e gravado coa axuda dunha selección de veciños do municipio pertencentes ao ámbito da medicina e das emerxencias sanitarias.

O lema da proposta audiovisual é Máis ti vas indo e, como resumiu Constela, incide “nesa capacidade de resistencia e resilencia que escritora e profesionais do sector sanitario amosaron e amosan fronte as moitas adversidades que lles tocou afrontar”.

O traballo poderá visionarse na canle de Youtube do Concello da Estrada mañá dende as 12.00 horas. Alí quedará ubicado xunto aos cinco vídeos precedentes que louvaron a Rosalía e que xa suman máis de 20.000 reproducións.

Juan Constenla agradeceu a participación desinteresada dos profesionais sanitarios que colaboran no vídeo, así como do centro de saúde do municipio, Emerxencias A Estrada e 061 do municipo, sen esquecer a colaboración musical da Fundación Sondeseu, que aportou fragmentos musicais para enmarcar este traballo. Aínda que o coronavirus deixe pegada na cultura, A Estrada tratará de que a actividade neste eido poida espertar por primavera.