Levan o nome de dous grandes das letras galegas e, na súa honra, premian a aqueles que cultivan o eido do idioma co mesmo amor que nesta tarefa puxeron Ken Keirades e a Cantora da Ulla. O Concello da Estrada acaba de publicar as bases de dous dos seus premios literarios máis sombranceiros, aqueles que lembran cada ano aos ilustres escritores de berce estradense Manuel García Barros e Avelina Valladares Núñez. Námbolos dous casos, o prazo de recepción das obras candidatas a se distinguiren con estes galardóns remata o próximo 15 de maio.

Un ano máis, e xa van aló 33, o Concello da Estrada convoca o Premio de Novela Manuel García Barros en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia. Ten unha dotación económica de 9.000 euros. Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.

O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura, actuando un deles como secretario a proposta e en representación da corporación estradense O premio concederase por maioría de votos. Unha vez fallado o premio, o galardón entregarase nun acto público cara finais de ano, aínda que a data está sen fixar.

O Avelina Valladares, que te ano acada un cuarto de século, ten entre os seus obxectivos valorar o traballo do poeta, “médium das artes, alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro”, recoñen as bases. Da man desta aspiración, o premio busca persverar no cultuvo da lingua galega “como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade”. Por último, e non menos importante, búscase colaborar co”a divulgación da obra da poeta estradense A velina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico”. Os orixinais presentaranse por quintuplicado acompañados dun CD, onde se incluirá a obra en formato PDF. O tema e a forma serán libres, mais os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Neste caso, a dotación económica será de 2.000 euros.