Dieguito, o cara sucia de Villa Florito, Arxentina, de orixe moi humilde, o futbolista con máis maxia da historia do fútbol, o mellor, ídolo unánime, admirador de Fidel Castro, ao que consideraba como o seu segundo pai, faleceu este 25 de novembro, en Buenos Aires, aos 60 anos de idade.

Heroe de Arxentina, o 22 de xuño de 1986, no Estadio Azteca de Cidade de México, entrou na mitoloxía ao marcar contra Inglaterra, catro anos despois da derrota de Arxentina nas Malvinas, o mellor gol da historia dos mundiais de fútbol.

Famoso tamén por frases sinxelas, dixo unha vez a través do micro: “Les habla Diego Armando Maradona, el hombre que le hizo dos goles a los ingleses, y uno que sabe cuanto pesa una copa del Mundo”.

Alberto Fernández, presidente do seu país, ao coñecer o falecemento, decretou tres días de loito nacional e ofreceu a Casa Rosada, sé da presidencia, para que se celebrase o seu dó. Ao mesmo tempo escribiu nun tuit: “Nos llevaste a lo más alto del mundo. Gracias por haber existido”.

Máis ca un futbolista, fóisenos un símbolo da entrega e a paixón.

*Veciño da Estrada