A de onte foi unha tarde de calor no Teatro Principal da Estrada,a pesares de que nunca correu tanto o aire no patio de butacas. Son tempos difíciles para a actividade cultural. Tempos nos que o medo se impón aos aplausos. Tempos nos que nos gustaría ver arder no lume da lareira todo o malo que trouxo a Covid-19. Reducir a cinzas toda a inseguridade que sementou nestes meses e vela arder ata marchar como fai o fume cando tira o aire. Aínda que non ardeu, o coronavirus non foi quen onte de impedir que soase a música. O Festival Lume na Lareira voltou encher de música o teatro estradense, tentando afastar a pantasma da pandemia, aínda que só fose por unha tarde e ante 30 persoas, nada que ver cos seus cheos habituais.

As entradas para o festival esgoráronse o primeiro día en que se puxeron á venda. Aínda que tódolos anos o Principal queda pequeno para acubillar a todos os que queren gozar desta velada de música tradicional, nesta edición as máis de 500 entradas habituais quedaron reducidas a 30. Aínda que nun primeiro momento se pensou en facer a actividade para un cento de persoas, finalmente as últimas restricións en materia sanitaria obrigaron a recalcular e limitar aínda máis o aforo.

Público presente no Teatro Principal. ANA AGRA

A pesares da situación, os organizadores puxeron todo da súa man para que o ambiente semellase o de sempre. Un ano máis, o festival contou con Jacobo Pérez, da TVG, como mestre de cerimonias. A apertura do espectáculo correu a cargo dos anfitrións, Lume na Lareira, que tamén se encargaron, como adoitan facer, de poñelo broche, este caso coa estrea do Vals de Berres, unha peza antiga da década dos 60 que interpretaba o grupo Airiños da Ulla.

Unha das variacións do cartel foi o cambio de humorista. Julio González non participou finalmente no espectáculo e o seu baleiro foi enchido polo contacontos Pacheco. O festival contou tamén co grupo portugués de concertinas Pedrosini e o dúo integrado polos acordeonistas estradenses María Rey e Juan Ruibal. Nesta edición, a número 13, foron poucos os que puideron aplaudir dende as butacas. Cada un deles representou a gañas de gozar da música e da alegría, de festexar que algún día a Covid se reduza cinzas.