SUSCRÍBETE

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A romaría do San Verísimo de Ponte

Hai case cinco décadas da última xuntanza campestre, datada desde 1859 e unha das primeiras que se beneficiou da luz eléctrica grazas á hidroeléctrica de Pereiro en 1920

A romaría do San Verísimo de Ponte

A romaría do San Verísimo de Ponte

Do termo latino verissimum ('moi certo') xurdiu un nome persoal que conta con tres formas similares noutros tantos idiomas: Breixo en galego, Veríssimo en portugués e Verísimo en castelán. Este nome fai alusión ao mártir lusitano do século III axustizado en tempos do emperador romano Diocleciano. Conta a lenda que, tras ser torturado xunto coas súas irmás Julia e Máxima, foron decapitados e os seus corpos foron dados como comida ás feras, que os respectaron. Á vista disto, tiráronos ao mar con pedras atadas para que afundisen, pero o mar devolveunos á terra, sendo finalmente soterrados de xeito clandestino. Parte das reliquias destes santos atópanse na actualidade no mosteiro de Santos-O-Novo, na cidade de Lisboa. O culto a San Verísimo, avogoso da reuma e do que a festividade se estableceu o 1 de outubro, estendeuse polo noroeste peninsular, festexándose en numerosas parroquias de Galicia como Barro, Parga, Sergude (Boqueixón), Foxás (Touro), Ferreiros (O Pino), Berán (Leiro), Arcos (Ponteareas), Arcos de Furcos (Cuntis), Oza (Carballo), Lamas (A Estrada), Seixalbo (Ourense), Queiroás (Allariz)...; nas provincias de León (Alija del Infantado, Valdeviejas) e Zamora (Alcubilla de Nogales) e, por suposto, no actual Portugal.

Coñecido dende sempre polo seu nome en castelán, o culto ao santo en Ponte non é fácil de datar con exactitude, pero supoñémolo anterior a 1859. Neste ano, segundo o libro de esmolas da capela dos Remedios, computáronse por vez primeira entre os gastos " cuarenta reales de fuego para el día de la función de San Verísimo". Comezou sendo a segunda festividade da desaparecida ermida, pero pouco a pouco foi collendo unha gran popularidade. Co paso do tempo, este festexo acompañouse dunha romaría campestre ao remate dos oficios relixiosos, celebrada á sombra dos carballos do lugar de Tras do Sisto, parte deles situados no que hoxe é o campo da festa parroquial e que daquela formaban a Carballeira do Arrieiro de Rosende. A importancia desta romaría quedou reflectida no topónimo 'O Campo do San Verísimo', nome dado ao citado lugar de celebración.

Auxe e caída

Para acompañar os actos relixiosos e a verbena, era habitual a contratación de dúas bandas de música, sendo a de Silleda unha das fixas neste evento. Ademais, foi unha das primeiras romarías da comarca que se beneficiou da luz eléctrica, trala construción da central hidroeléctrica por parte do empresario Perfecto Pereiro Castro nesta parroquia en 1920. Alén da súa colaboración económica coa festa, Pereiro e a súa familia acudían todos os anos á romaría, tradición que continuaron os seus descendentes, pois xa se convertera nunha cita case obrigada para os veciños da vila de Silleda e arredores. Mediado o século XX, a festividade celebrouse de xeito discontinuo ata inicios da década de 1970, cando se celebraron as dúas últimas edicións, unha con notable éxito seguida doutra con moi pouca afluencia debido á coincidencia con outras festas da contorna. Isto fixo perder o interese en encargarse dos festexos, quedando reducidos unicamente á súa vertente relixiosa. A data na que se viñan celebrando as honras ao santo podía variar entre o 22 e o 28 de setembro, días entre os cales coincide o domingo anterior ao día do patrón (San Miguel, 29 de setembro). Pero co traslado das festas patronais á fin de semana máis próxima alá pola década de 1990, a misa solemne a San Verísimo pasou a ter lugar o domingo previo.

Sobre a imaxe do santo, debemos falar en plural xa que existen dúas tallas de San Verísimo, ambas actualmente expostas nos altares da igrexa parroquial. A máis antiga, de menor altura e que probablemente sexa a orixinal, foi substituída por outra de maiores dimensións, doada en 1912 por Balbina Golmar Cacheda, da Casa de Fernández de Casderrei. Estas imaxes gardan certas similitudes en canto aos atributos do santo: un coitelo no pescozo como sinal da súa decapitación e unha palma nunha das mans como símbolo do seu martirio. Ademais, a imaxe nova ten unha cruz na outra man, elemento que parece faltar da talla antiga, e ambas portan vestimentas que lembran ás das persoas da clase alta romana. Pero a pesar das súas semellanzas, existe unha gran diferenza entre elas: mentres que a máis nova ten os ollos abertos, a antiga parece telos pechados. Este detalle ocasionou unha divertida anécdota protagonizada por unha veciña do lugar da Regueira. A muller, emigrada a principios do século XX a América, regresou anos despois e, tras ver a nova imaxe, comentou: " Cando marchei, San Verísimo tiña os ollos pechados e agora tenos abertos!".

Esta foi unha pequena visión da romaría do San Verísimo de Ponte, que chegou a ser en tempos a festividade máis soada da parroquia, nun mes de setembro no que tamén se concentran os actos na honra á Virxe dos Remedios e as festas patronais a San Miguel e á Virxe do Carme. Agardemos que axiña veñan días mellores para que estes festexos volvan á súa normalidade.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats