Este domingo cúmprense 91 anos do nacemento do escritor cruceño Xosé Neira Vilas. Por iso, a fundación de Gres que leva o seu nome festexa esta efeméride con diversos actos a partir das 17.00 horas, abertos ao público. Ademais da actuación de Hadhietxekos, este ano como novidade haberá unha lectura continuada de Memorias dun neno labrego, a obra máis coñecida do autor finado en 2015. Poderán participar nesta lectura todas as persoas que o desexen, e a intención é poder ler toda a novela. Durante o acto tamén se entregará o premio Xosé Neira Vilas de novela curta, que nesta cuarta edición recaeu en Esca, de Antonio Piñeiro. Por outra banda o presidente da fundación, Fernando Redondo, indica que a entidade contactou con todos os centros educativos dos concellos veciños, así como con bibliotecas e centros culturais que levan o nome de Neira Vilas, para que organicen eventos na súa lembranza durante esta semana ou en novembro.