Unha defensa deste punto realízaa José Andrés Cornide Saavedra e Folgueira (A Coruña, 25 de abril de 1734-Madrid, 22 de febreiro de 1803) na súa obra Las Casitérides o islas del estaño restituídas a los mares de Galicia. Disertación crítica en que se procura probar que estas islas no son las Sorlingas como pretende en su 'Britania' Guillermo Cambdem, y si las de la costa occidental del reino de Galicia (Madrid, 1790)".

A base fundamental da economía dos tartessos era a agricultura, a gandería e a pesca. Non obstante, a súa riqueza por excelencia foron os metais, especialmente o ouro, a prata e o estaño. Cando as minas do Sinaí caeron en desuso, os fenicios buscaron metais nesta zona. Os tartessos do sureste da península ibérica acudían ás casitérides para adquirilo, revendéndoo despois aos fenicios, os cales á súa vez o farían chegar ás florecentes cidades mediterráneas.

Do segundo milenio antes de Cristo aparecen obxetos de estaño en xacementos arqueolóxicos de Galicia. Segundo Madroñero: "Los artesanos metalúrgicos utilizaban óxido de hierro y de manganeso (fundentes que forman escoria con la ganga) para liberar la mena de cobre. Estos óxidos acostumbraban ser rojos y ocres. La variedad más abundante de casiterita es de color ocre; por lo tanto, es más que probable que en un lugar como Galicia donde se beneficiaba cobre, tuviese lugar una afortunada confusión. Nació así un magnífico cobre (bronce en realidad) especialmente apto para la elaboración de piezas metálicas por moldes".

Coa fundación do cercano mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, no século X, aparece tamén unha referencia á posible explotación dos recursos mineiros na zona, como se desprende do propio topónimo que xa aparece en documentos baixomedievais: Carbonario (1131) ou Carbonero (1311). É posible que a densa vexetación forestal da zona onde foi levantada esta abadía, moi próxima ao conxunto de concesións que conforman o grupo mineiro de Fontao actualmente, fóra utilizada en tempos antigos para a elaboración de carbón vexetal ou para o seu consumo nos fornos de produción de ferro desta conca rica en minerais.

Segundo a tradición local, os mouros explotaron preto da aldea de Fontao as chamadas Minas dos Mouros; vivirían no lugar de Souto, onde, dominando un val, se alza un outeiro de forma cónica, que puido ser un castro e que na Idade Media se utilizou para situar unha torre de vixilancia da que se conservan os muros e perpiaños. Tratábase dunha obra laboriosa, moi antiga, probablemente romana, á cal se podía chegar dende un corredor descendente, chegando a unha ampla galería cun pozo moi profundo.

Superado o ecuador da centuria decimonónica, a produción de casiterita e de estaño en España provén de traballos efectuados por particulares que, de xeito artesanal, arrancan o mineral máis superficial e véndeno a intermediarios para a súa posterior exportación, principalmente a Inglaterra, quen, xunto con Alemaña e a raíz da Revolución Industrial, xeralizara o uso do estaño e a hoxalata.

A primeira referencia formal existente sobre a minaría nesta zona é de 1854, cando Vicente María Bansola rexistra unha mina de estaño no termo municipal de Lalín, converténdose na primeira concesión mineira da provincia de Pontevedra. Esta concesión beneficiou un filón de casiterita que se trataba na fábrica-fundición da Nosa Señora do Corpiño, a 500 metros das concesións que actualmente conforman o grupo mineiro de Fontao, xa no entón concello de Carbia, designado dende a década dos 40 do século XX co nome da súa cabeceira, Vila de Cruces.

En 1860 Ramón María Otero, veciño da Estrada, rexistra a concesión Nuestra Señora del Carmen, na parroquia de Santiago de Fontao. En 1864 a Estatística Mineira deixa constancia da existencia dunha explotación na parroquia de Santiago de Fontao que, xunto con outras explotadas por ingleses no termo de Presqueiras (Concello de Forcarei), producen 264 quintais métricos de óxido estánico. A falta de máis datos non permite concluír a identidade desta mina.

En 1866 aparece por primeira vez nas estatísticas mineiras a concesión San Roque, que explota o estaño da zona de Fontao. Dise que é explotada por aventureiros do país, os cales entregan a produción ao propietario. O mineral escollido contén entre o 40 e o 50% de estaño ademais de volframio que se rexeita. Toda a produción de estaño na provincia de Pontevedra en 1866 asígnase a esta mina, cifrándose en 33,12 quintais métricos, adquirido por maragatos para o mercado de Castela.

O único forno de manga que consta en toda España para o tratamento do estaño aparece na provincia de Pontevedra, polo que moi probablemente se corresponda co da fábrica-fundición da Nosa Señora do Corpiño, habida conta de que o 100% da produción española de estaño para este ano se obtén da mina San Roque.

Referencia en Londres

The London Gazette do 9 de marzo de 1866 fai referencia a unha compañía chamada The San Roque Mining and Smelting Company Ltd. con domicilio social en Londres. Polas coincidencias advertidas, parece probable que esta compañía fose a responsable da explotación da mina nesa época, aínda que sería necesario constatar esta información coa consulta dos arquivos británicos. O mineral tiña unha lei do 40 ou 50% en estaño, que se fundía nun forno castelán, consumíndose por cada arroba de metal fundido de catro a cinco arrobas de carbón vexetal. O rendemento do proceso era do 30%, obténdose de 10 a 16 arrobas diarias de metal que posteriormente se conducían en carro ata Santiago de Compostela para a súa venda.

A situación desta mina en anos sucesivos non difire demasiado á descrita para o ano 1866 a non ser por picos puntuais na produción. En xeral a explotación lévase a cabo por medios rudimentarios e non existe nin unha planificación racional nin unhas cotizacións do metal que suxiran un cambio substancial na formulación do negocio mineiro.

Nos anos 1883, 1884, 1885, 1886 e 1887 non existe ningunha concesión mineira activa na provincia de Pontevedra, situación que da que se viña lamentando dende había anos o responsable do distrito mineiro.

Quizais a estas alturas do século XIX xa se está xerando unha incursión de capital estranxeiro no sector extractivo español que florecerá a finais deste coa creación de compañías mineiras, xa que aínda que tradicionalmente os procesos relacionados co estaño e volframio estiveron en mans destes dous países, non son capaces de auto-abastecerse cos seus propios xacementos. Toda esta bagaxe proporcionaría os medios técnicos, humanos e económicos necesarios para a posta en marcha de minas no noso país.

Non é ata 1888 cando aparecen dúas concesións dedicadas á extracción de estaño en Pontevedra, aínda que traballadas por xornaleiros que entregan un tanto por peso ao propietario, situación da cal se queixa unha vez máis o responsable do distrito mineiro como consta na Estatística Mineira. Trátase das concesións Tiro e Sidón que xa en 1889 producen 50 quintais métricos de estaño e 19 de wólfram, se ben, tal e como reflicte a estatística, estes traballos se realizan en pequenas proporcións e loitando contra a oposición veciñal.

Neste punto é necesario facer unha xustificación da inexistencia de datos referidos ao volframio na táboa de produción que se acompaña. O illamento mediante redución ao estado metal dun novo metal que entra na composición do volframio é realizado polos irmáns españois Juan José e Fausto Elhuyar en 1783, constituíndo un acontecemento de primeira magnitude nos ambientes científicos da época. É necesario citar a figura de Carl Wilhelm Scheele, quen realizou entre 1781 e 1784 investigacións sobre este tema, sendo asignado o nome de scheelita á tungstita (volframato de calcio) e o de scheelitina ao seu isomorfo (volframato de plomo) na súa honra.

O volframio xa era coñecido dende antigo por aparecer en diversas minas (Saxonia, Cornwall) sabéndose que era prexudicial no proceso de recuperación do estaño metal, dando lugar a escorias que o devoraban. Probablemente aí se encontre a orixe do seu nome wolf-rahm: escuma de lobo.

Tungsteno ou volframio?

Por outra parte, a tungsita ou tungsten (pedra pesada) tamén era coñecida aínda que era consideraba un mineral de estaño. Scheele descobre en 1781 a existencia de calcio neste mineral, coma unha sal dun ácido descoñecido. Este ácido sen aillar foi denominado por A.F. Cronsted como tungsteno en 1758.

En 1782, os irmáns Elhuyar demostraron que a volframita estaba formada por sales de ferro e manganeso do mesmo ácido. Ao ano seguinte conseguiron reducir con carburo por primeira vez o elemento, dándolle o nome de volframio como homenaxe ao mineral do que partiron as súas investigacións. Polo tanto, aínda que Scheele podería ter chegado tamén a separar este elemento, a primeira publicación que demostra o illamento deste elemento é a dos españois Elhuyar.

Como os suecos sospeitaron da existencia do metal a partir da tungstita, más tarde chamada scheelita, denominárono tungsteno, mentres que os españois, que a aillaron a partir da volframita, chamárono volframio. Esta situación provocou a existencia de dous nomes para un mesmo elemento, que en inglés se solucionou denominando tungsten ao metal e utilizando como símbolo químico W.

Non é ata 1847 cando Oxland patenta o seu proceso para obter metal, pasando polo volframato sódico e o ácido volfrámico, cando se inicia o desenvolvemento no consumo deste material.

Así en 1900, durante a exposición de París, as ferramentas de aceiro aliado con volframio que exhibiu a Bethelehem Steel Co. chamaron a atención, e en 1904 iniciouse o uso de filamentos de volframio metal nas lámpadas de incandescencia.

Aínda que era coñecida a extrema dureza do carburo de volframio, non é ata 1927, en que a Krupp, no seu laboratorio de Essen, descubriu a posibilidade da sua cementación, cuando se desenvolveu realmente o consumo deste metal, especialmente para a fabricación de widia, traducida como "máis duro que o diamante" e que se coñece internacionalmente co nome de "metal duro".

Posteriormente, os conflictos bélicos que azotaron o século XX, en especial a Segunda Guerra Mundial, desenvolveron sensiblemente as aplicacións industriais deste material.