Na Baixa Idade Media, exercían xurisdición criminal e civil sobre o couto de Beicomenzo, o actual lugar de Meixomence, a Encomenda de Beade e o arcebispo compostelán. Esta encomenda pertencía aos cabaleiros da Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, que herdaran as poucas propiedades que lles quedaban aos cabaleiros do Temple, o que fai supoñer a presenza desta orde nestas terras de Trasdeza. Por documentos de foros, podemos deducir que o nome deste couto cambiaríase polo de couto de Rosende no século XVI ou incluso antes. Esta xurisdición estaba constituída polos lugares de Meixomence (xa citado), as Casas do Monte e Rosende, este último dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar. Os foros tamén nos confirman a existencia de vivendas en Casderrei, Trasfontao e Nonelle, este último agora sen rastro das mesmas.

En 1809, en plena Guerra da Independencia, ao campo da feira de Silleda acoden o párroco e tres veciños desta parroquia á reunión na que se planea a defensa das pontes da zona e se constitúe a Xunta de Defensa de Trasdeza, que instala o seu cuartel xeral nas Casas do Monte. Este lugar pasaría a pertencer á parroquia de Silleda anos máis tarde. Ademais, en 1891, o lugar de Rosende, xa desintegrado o couto do seu nome, pasa a pertencer na súa totalidade a esta parroquia. Xa no século XX, hai que destacar a creación dun sindicato de traballadores do ferrocarril, a Unión Obrera de Ponte, a explotación dunha canteira no monte do Picoto e a construción de parte do recinto da Feira Internacionacional de Galicia nos termos da parroquia.

A primeira igrexa parroquial fora levantada no Agriño, cando existían aldeas máis ao norte das actuais. Descoñecemos cal sería a súa antigüidade, pero podemos deducir que sería unha construción de reducidas medidas, cun pequeno campanario que albergaba unha soa campá e, pola súa orientación e polo terreo no que se ergueu, vítima de constantes inundacións. Por esta última circunstancia, en 1863 ordénase o traslado dos actos relixiosos á capela da Nosa Señora dos Remedios, levantada a finais do XVIII, que sufriu varias reformas ata dar como resultado a actual igrexa parroquial. Así, os festexos de San Miguel e da Virxe do Carme (29 e 30 de setembro) terían lugar nesta capela xunto cos que xa se celebraban alí, os Remedios (2º domingo de setembro) e o San Breixo ou San Verísimo (domingo anterior ao 29 de setembro). Este último, coñecido desde sempre polo seu nome en castelán, congregaba xentes de toda a comarca nunha gran romaría campestre que, por desgraza, acabou por desaparecer. Nembargante, aínda perdura na memoria colectiva o nome do campo do San Verísimo, situado onde hoxe está o campo da festa. Na actualidade, esta parroquia converteuse nun referente gastronómico grazas á Festa do Chourizo ao Viño.

Para acabar, convén destacar que Ponte é pioneira en enerxía hidroeléctrica, xa que aquí atopamos, no río da Gouxa ou da Mera (que aquí recibe o nome de río de Rosende), a primeira fábrica de luz de toda Silleda. A chamada "central de Pereiro" foi construída para aproveitar as augas deste río, como tamén aproveitaban varios muíños río arriba. A carón destes, así como noutros puntos do río, formáronse media ducia de salto de auga, de gran beleza e que esperan o seu debido acondicionamento. Lugares con centos de anécdotas e lendas, como a ponte do Pozo Negro, a Insua ou a Peneda dos Mozos, agardan a que o curioso sendeirista os descubra e se marabille dos seus encantos, nun entorno tan privilexiado como é a ribeira do Deza.

* Veciño de Ponte de 19 anos e estudiante de Matemáticas