Os vellos de San Miguel de Goiás aínda recordan ben a súa afección pola lectura e o estudo, que o levarían a obter en Roma e Compostela tres carreiras cos seus doutoramentos. Nace un 5 de setembro no seo dunha familia labrega e moi cedo encamiña os seus pasos cara ó estudo e á relixión. Cursa nos seminarios franciscanos de Herbón, Ponteareas e Santiago. O 12 de agosto de 1949 ingresa definitivamente na orde franciscana. Trasládase logo a Roma, onde cursa estudos superiores de Teoloxía na Pontificia Università Antonianum e Historia Eclesiástica na Gregoriana, pertencentes ós Xesuítas. Seis anos foron os que viviu no Vaticano, un tempo que non lle valeu só para sacar adiante as dúas titulacións; foi quen de pasar os ratos libres nos arquivos vaticanos, investigando e acrecentando a súa paixón pola análise de fitos e personaxes históricos, así como polo estudo crítico e científico de documentos, o que lle forneceu das primeiras experiencias para logo aprender os seus alumnos na Facultade de Historia da USC a analizar e a estudar documentos. Desa data é a súa tese sobre Alexandre VI e a Igrexa, e a documentación dos outros moitos persoeiros sobre os que máis tarde traballaría, xa de volta en Galicia.

Retorna a Santiago de Compostela, onde realiza a titulación civil e as correspondentes convalidacións académicas, e licénciase en Filosofía e Letras. Suma así ó seu proceso formativo tres doutoramentos. É o intre no que a vocación do aínda mozo Padre Oro chama ás portas da Universidade, á que lle dedicou 45 anos dunha intensa vida: axudante de profesor, profesor, opositor á praza e, finalmente, catedrático dende 1983 até 2001, ano no que se xubila.

Como catedrático de Paleografía e Diplomática da USC, formou a centos de futuros historiadores, convertendo en accesible unha materia farragosa en principio. Por Paleografía enténdese a ciencia historiográfica que ten por obxecto de estudo a escrita en xeral e, en particular, a evolución no tempo das formas gráficas e o seu modo de execución, así como factores tecnolóxicos, económicos, sociais, culturais, políticos, estéticos, etc. Pola súa banda, a Diplomática é a ciencia que estuda a tradición, a forma e a elaboración dos documentos. En síntese, e a risco de simplificar, a especialidade permite descifrar e datar no tempo e na contorna un documento, xulgar a súa veracidade e extraer os contidos susceptibles de ser empregados polo historiador.

Durante estes anos escribiu máis de medio cento de libros e colaborou en incontables traballos impresos máis. Edita os seus primeiros traballos na revista estudiantil Liceo Franciscano, ós que sucede unha longa lista de libros –setenta e cinco–, colaboracións, artigos... Séntese especialmente orgulloso dos seus traballos sobre o Cardeal Cisneros, sobre a nobreza galega e sobre aqueles que divulgan Galicia na baixa Idade media.

Algunhas das investigacións do Profesor Oro forman parte das lecturas obrigadas: La provincia franciscana de Santiago y la Inmaculada (1954), La reforma de los religiosos españoles en tiempos de los Reyes Católicos (1969), Cisneros y la reforma del clero español (1971), Diego de Muros III y la cultura gallega del siglo XV (1976), Galicia en los siglos XIV y XV (1987), ), Don Fernando de Andrade, Conde de Vilalba (1993), Historia da Igrexa galega (1994), Bayona y el espacio urbano tudense en el siglo XVI: estudio histórico y colección diplomática (1995), Felipe II y el Patronato Real en Castilla (2000), Cisneros, el cardenal de España (2002)...

Agora, retirado das súas obrigas docentes, reside e traballa no convento de San Francisco onde, ademais de oficiar a misa diaria, está ó cargo do importante e espectacular arquivo franciscano, que reúne auténticas xoias dende tempos medievais. Este profesor, retirado só das tarefas oficiais, sobreleva con gallardía as oitenta primaveras cun estado de saúde máis que aceptable e cunha cabeza nun envexable estado de lucidez e capacidade. Fai real a expresión de que "a función fai o órgano", como dicía Lamark, o primeiro formulador dunha teoría evolucionista.

Co gallo da súa xubilación académica na USC, no libro homenaxe que se publicou dicíase que este era un recoñecemento "a su estilo humano y profesional y satisfecha –a Universidade– de su colaboración en la docencia y en la investigación". "Más que por nuestras palabras lo alaban sus obras...", sentenciaba.

Este erudito lalinense garda un cariño e amor pola que chama a "pequena cidade de Lalín", que visita con certa frecuencia para ver a familia e asistir ás "festas da parroquia". Nunca dixo non ás peticións de colaboración profesional que se lle teñen dirixido dende a súa terra.

José García Oro, o Padre, o Profesor... conserva, como os bos perfumes (gardado en bote pequeno), todas as esencias da calidade e do coñecemento. Estamos ante unha das figuras nacida en Lalín de maior talla intelectual da nosa historia. Recíbenos o día en que arranca a primavera en Compostela e guíanos polos claustros e dependencias do espectacular, e agora tamén Hotel/Monumento, Convento de San Francisco. Museo, salóns, arquivo e claustro vanse sucedendo da man do noso anfitrión, que fai doada a comprensión dos centos de anos de historia que agocha tan singular edificio. Co seu falar pousado, sempre en galego, axuda e anima a seguir descubrindo. Se as clases na facultade de Historia as impartía como as explicacións dadas –e seguro que así era–, non dubidamos un ápice da perfecta comprensión por parte dos centos de mozos que pasaron polas súas aulas.

Na súa ollada sosegada acende un brillo, remarcado por un aceno de tristura, cada vez que lle lembramos o parente ben querido ó que lle ten "perdido a pista e o contacto": o tamén lalinense e catedrático César Oro García (a quen dedicaremos o noso Sen acuse de recibo da vindeira semana). O alzheimer afastouno do mundo, da súa profesión e até dos que lle queren ben, como este ilustre lalinense, home bo e xeneroso, José García Oro.

P.D.: O seu arquivo persoal, de incalculable valor histórico, repousa agora no seu amado convento de San Francisco. Non estaría de máis que o seu Concello non deixase pasar a oportunidade de conservar na terra que o viu nacer un patrimonio documental dificilmente repetible ou comparable.

Home elegante, no fondo e na forma, considérase honrado e recoñecido. Opinión que, quen isto asina, non comparte, porque a realidade é a que é, ou a que os responsables municipais queren: unha rúa dunha urbanización case que virtual e non facer nada por evitar o descoñecemento da súa vida e obra na súa propia vila.