Esgotada a camiseta oficial da Irmandiña como artigo individual: se a queres deberás pagar máis por un pack

Na tenda online da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) xa non hai existencias da zamarra da selección, pero ainda queda algunha talla para adquirir en lote, con mochila, bufanda ou cazadora

Este xoves puxeron á venda unha camisola conmemorativa do partido que o combinado autonómico disputará frente a Panamá o 31 de maio

Á esquerda, a camisola oficial da Irmandiña, e á dereita, a conmemorativa do partido ante Panamá.

Á esquerda, a camisola oficial da Irmandiña, e á dereita, a conmemorativa do partido ante Panamá. / RFGF

Marta Clavero

Marta Clavero

Facerse cunha camiseta oficial da Selección Galega de Fútbol é, a día de hoxe, misión imposible. Polo menos se se quere adquirir como produto único.

Para ningunha das tallas (da S á L, para nenos; e da S á 2XL, para adultos) que a a RFGF comercializa da zamarra de Adidas na súa tenda en liña quedan existencias. O prezo é de 50 euros para as medidas infantís, e de 55 para as de adulto.

O curioso deste escaparate en liña está nos packs de artigos que se poden adquirir, onde á camisola acompañan outros produtos á venda como poden ser bufandas, a mochila ou a cazadora.

Prezos dos packs

No caso de elixir esta opción, aínda quedan algunhas tallas dispoñibles (contadas) que supoñe desembolsar 5 euros máis (entre 55 e 60 euros o lote), no caso de mercar a camiseta cunha bufanda -ou branca ou negra- aínda que neste caso, a día de hoxe, só están dispoñibles algunhas tallas. No pack da camiseta con mochila, o prezo oscila entre os 70 e os 78 euros; adquirir a cazadora máis a camiseta supón un gasto de 125 euros, ainda que agora mesmo, só hai dispoñible a talla 2XL.

Camiseta "Terra Galega"

Todos eses artigos dos packs tamén se poden comprar por separado, do mesmo xeito que a nova camiseta que a RFGF empezou a comercializar este xoves na súa tenda. Trátase dunha elástica conmemorativa do partido que disputará a Irmandiña fronte a selección de Panamá, o próximo 31 de maio en Abanca Balaídos.

Denominada "Terra Galega", a camisola amosa un debuxo coa contorna xeográfica de Galicia, con trazos en cor gris, e unha banda de esquerda a dereita e de arriba a abaixo de cor celeste. O prezo desta zamarra é de 20 euros tanto para as tallas infantís como para as adultas.