Entrevista | Francisco Fernández Davila Gañador do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra “Groenlandia”

“A enxeñería faime vivir e a escritura dáme a vida”

“'Groenlandia’ é unha novela de amor ás illas Azores e de amor entre personas que loitan por estar xuntas”

Francisco Fernández Davila.

Francisco Fernández Davila. / Soledad García Riveiro

Ana Carro

Enxeñeiro de Minas, Francisco Fernández Davila (Vigo, 1974) acaba de gañar o Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Groenlandia, un novo fito na súa traxectoria literaria, que alfombran máis de 30 premios. A recén galardoada é “unha historia na que nada é o que semella e ninguén amosa unha soa cara”, como di o xurado. Foi a elixida entre as 47 novelas curtas presentadas ao galardón, a edición con máis participantes desde a súa creación no 2006. O premio está dotado con 12.000 euros e inclúe a publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega terá lugar antes de final de ano na Coruña.

–Como naceu Groenlandia?

–Naceu das Azores, que me fascinaron como illas. Fun alí a facer a lúa de mel hai moitos anos e sempre tiven a idea de facerlles unha novela ás illas. Este é o resultado. Unha novela na que as protagonistas son as Azores. Fóiseme de man e saíu mellor do que esperaba.

–O xurado di que é un “mosaico literario de perfecto encaixe”. Está de acordo?

–Si. A verdade é que é unha interpretación que non se me ocorrera pero que é bastante acaída. É unha non moi longa, vai ser dunhas 180 páxinas, pero vai ter 73 capítulos. Son moi pequenos e son como teselas que forman un mosaico. Gústame esa analoxía do xurado. Hai moitas personaxes e moitas paisaxes das illas.

–Fai unha mestura entre intriga e humor?

–É unha novela que ten de todo. É unha novela de amor, de amor ás illas, de amor entre a xente, de aventuras e de intriga policial. É bastante ecléctica, pero eu a definiría como unha novela de amor ás illas Azores e de amor entre persoas que loitan por estar xuntas.

–Permite tamén ao lector facer unha viaxe a ese lugar tan importante para vostede?

–Si, aínda que a maior parte da trama sucede en illas nas que non estiven pero me documentei moitísimo sobre elas. Das nove illas que conforman as Azores, estiven en catro e na novela saen sete illas. Xusto as dúas máis afastadas son o centro da trama e son as que me quedan sen visitar. Para min tamén foi como unha viaxe. As Azores son un sitio máxico e serán para sempre un cachiño da miña casa. Hai que ir alí e velo, é como un trozo verde de Lugo posto no medio do Atlántico que ten volcáns en bosques tropicais, prados con vacas, mimosas e cascadas. É un sitio impresionante que está moi preto de Galicia, a dúas horas en avión desde Porto. Cando chegas alí, entendes a maxia.

–De onde ven ese título de Groenlandia?

–É unha metáfora. O subtítulo sería: unha novela sobre as Azores. Os lectores, cando cheguen a un capítulo, entenderán o por que de Groenlandia, pero prefiro non dicilo.

–Como chega un enxeñeiro de Minas á escritura?

–Como refuxio. É un exercicio que recomendo a todo o mundo porque a escritura é un refuxio. Un no traballo ten épocas máis doadas ou máis difíciles, con máis e menos estrés, e a escritura é para evadirse e escribir desde a túa casa de lugares exóticos e personaxes interesantes. Para min é un hobby. Sempre digo que a enxeñería faime vivir e a escritura dáme a vida.

–É un hobby pero xa recibiu moitos premios polas súas obras, que supoñen para vostede?

–Si, gañei máis de 30 premios e creo que se non fose por eles non escribiría. Gústame escribir pero é máis fácil chegar a casa, acender o televisor e desconectar a cabeza. Os premios poñen unha data límite e marcan obxectivos. Son como un adestrador persoal. Os premios son os que me dan a disciplina para seguir escribindo e tiran de min.

Suscríbete para seguir leyendo