Cando Xosé Luís Méndez Ferrín publicou a súa novela Retorno a Tagen Ata, en 1971, o heavy metal estaba a dar os seus primeiros pasos como xénero diferenciado do rock, así que non é moi arriscado pensar que ao escritor nin se lle pasaría pola cabeza que o seu texto servise de base dunha canción dese estilo. Cincuenta anos despois, o dúo vigués Dioivo acaba de publicar unha versión musicada da obra e que conta coa propia voz do literato. Máis de 11 minutos de riffs e tralla para contar de novo a historia de Rotbaf Luden, unha rapaza emigrada na illa de Anatí que volve á súa terra de orixe.

A peza, que chega tres meses despois de que Dioivo lanzase o seu terceiro EP, foi gravada por Dany Soengas, membro de grupos vigueses de metal coma Atreides ou Skydancer, e xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. En Youtube está dispoñible nun vídeo gravado por Brais Gómez Salvador nos Estudios Metrópolis de Vigo. O tema mestura as recitacións coa guitarra eléctrica e a batería, e as voces melódicas coas voces raspadas propias do metal máis extremo, dando voz aos diferentes personaxes da obra. Trata así a historia de Rotbaf Luden, unha rapaza emigrada na Illa de Anatí que volve á súa terra de orixe Tagen Ata, que está baixo o dominio do imperio de Terra Ancha, para coñecer ao célebre poeta da súa terra Ulm Roan. Dáse a circunstancia de que a novela deu lugar a unha das primeiras curtametraxes de ficción realizadas en galego, do mesmo nome e dirixida por Eloy Lozano en 1974.

Non é a primeira vez que os Dioivo acoden ao tradición literaria galega para unha das súas cancións. De feito, o proxecto naceu, en 2016, poñendo música ao poema de Rosalía de Castro 'Sempre pola morte esperas”. 

Ademais de Retorno a Tagen Ata, Dioivo ten editados tres discos nos seus cinco anos de existencia, titulados respectivamente Dioivo (2016), Dioivo II (2019) e Dioivo III (2021). Neste último contaron coa colaboración dos vocalistas Dana e Marcos, da banda de folk metal Mileth, no tema 'Ferro e Xenreira', e a finais de maio publicaron un videoclip para 'Golpe por Golpe'. O videoclip foi dirixido por Brais Gómez Salvador, que tamén se encargou do de Retorno a Tagen Ata e o da canción de Dioivo II 'Lobishomes'.