Síguenos en redes sociales:

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

"Irmau que nos mataron"

Guevarismo e marxismo na obra literaria de Carlos Casares, un capítulo da súa biografía nunca estudado a fondo que aborda un FARO DA CULTURA adicado a Carlos Casares

É este un capítulo da súa biografía nunca estudado a fondo, estudo que esixe, en primeiro lugar, a edición do epistolario Casares-Ramón Piñeiro dos anos 1964 e 1965, epistolario no que abundan as páxinas sobre a cuestión marxista e a praxe comunista. En 1964, Casares, con 23 anos, escríbelle a Piñeiro e comunícalle o seu fondo interese polo ideario marxista. Importan, especialmente, as cartas cruzadas por Carlos Casares e Ramón Piñeiro en 1965, un diálogo intenso sobre o marxismo entre un rapaz moi inquedo e entusiasta e o ponderado pensador galeguista. De Xinzo de Limia a Santiago de Compostela e de Santiago de Compostela a Xinzo de Limia discorre unha interesante controversia sobre o marxismo, única, sen dúbida, naqueles anos.

Nunha das primeiras cartas, Casares confésalle a Piñeiro, o seu sabio mentor, que está realmente fascinado polo marxismo (esta é a palabra: fascinación). Certo que, noutras cartas, Casares vai matizando a súa actitude e admiración, actitude -precisa- de quen é relixioso, fondamente relixioso, pero consciente de que neses anos xa nalgunhas partes de España hai sacerdotes que conxugan o seu catolicismo posconciliar coa causa marxista. O propio Casares acaba de coñecer en Barcelona a alguén destas características: o P. Totosaus. Coñeceuno en xaneiro de 1965 e no verán dese ano acompáñao, desde Xinzo, nunhas xornadas "políticas" habidas na parroquia de Xironda, do concello ourensán de Cualedro. É unha aldea tan pobre, tan mísera, que o inquedo estudante galego dálle a razón ao sacerdote catalán de que chegou a hora de mergullarse na metodoloxía marxista para a redención dos campesiños galegos. Hai máis cartas reveladoras daquela fascinación, con frecuencia matizadas desde a súa perspectiva cristiá. En calquera caso, a Piñeiro custoulle disuadir a aquel rapaz, aínda que Piñeiro era, sempre desde a comprensión e a cordialidade, un disuasor: un disuasor temible.

Non sei de cartas posteriores a 1965 que continúen este diálogo, pero en outubro de 1967 a fascinación revolucionaria de Casares aínda non estiñara. Desa data é o seu poema "A Ernesto Che Guevara", o guerrilleiro arxentino-cubano que fora abatido en Bolivia o 9 de outubro de 1967. Estamos ante un poema de notable decoro literario, ante un epicedio sincero e conmovido onde o protagonista non só é cantado polo que ten, en pleno século XX, de don Quixote, senón polo que ten de revolucionario socialista. Velaquí os 23 versos:

Hoxe amañecín un pouco máis pobre,

mancado de ti

e sinto

unha door de buraco fondo

no teu sitio.

Ó fin

están tranquilos, arrincáronte

de nós, abriron

unha ferida mais na nosa fame

onde era o teu corazón un pan redondo

prá nosa libertá.

Agora o mundo coxea do teu lado,

sangra de ti, fixéronse

mais pequenas as razóns do amor

e non hai quen escape a esta pobreza,

compañeiro, irmau

que perdimos todos,

claror desta mañá recén fuxida.

Non sei cómo pensarte, cómo

che dar dimensión do que se foi,

encher de futuro a tua ausencia,

Ernesto, compañeiro,

Irmau que nos mataron.

Desde o 10 de outubro, Carlos Casares anota no seu Diario unhas lacónicas cavilacións sobre a morte do Che, na que, nun principio, non cre (non a quere). Incluso o día 14 aférrase a non sei que datos para afirmar que o Che non morreu: "un alivio", comenta. En efecto, cómpre ler o poema "A Ernesto Che Guevara" tamén en función dos datos e dos comentarios do Diario durante seis días. No sétimo, Casares, consternado, consigna: "Fidel habló: El Che ha muerto". Era o 16 de outubro de 1967, sete días despois de que o Imperio abrira "unha ferida máis na nosa fame".

Pulsa para ver más contenido para ti