Cando os lectores dun determinado escritor teñen a sorte de compartir un anaco con el, o primeiro que agradecen é que esqueza calquera narcisismo a prol da lembranza dos seus amigos e coñecidos. Cando a ocasión non é de carácter académico, lectores e admiradores sempre preferirán que o escritor de quenda evoque aquelas pequenas historias que coñeceu grazas ao seu privilexio da multiplicidade das súas relacións sociais.

Malia a dobre distancia que padecín verbo da literatura galega -por afastamento xeográfico e polo meu achegamento serodio a ela-, tiven a sorte de poder ter amizade con Carlos Casares. Esta circunstancia permitiume partillar en diversas ocasións sobremesas e charlas nas cales fixo gala dunha prodixiosa memoria e dunha altísima facilidade de contar historias. Unha habelencia -fun testemuña- que lle permitía solucionar nuns poucos minutos o compromiso de encher o seu recuncho cotián nun xornal coruñés.

Quen atende a explicación de anécdotas, ten que aceptar que as marxes de localización de espazo e tempo poden ficar esvaecidas. Pode tratarse en ocasións de lugares comúns que quen os contou de primeiras non coñeceu de propia man senón de telas ouvido e así, na repetición, minguan ou medran. No fondo, non deixa de ser unha maneira de narración de transmisión oral que só co paso do tempo, poden gañar condición de categoría. O importante é o motivo, o paradoxo que soe levar incorporado.

E nesa grande memoria miúda que tiña Casares sempre atopei esa xenerosidade que eu dicía antes. Con el estiven en Ourense en 1995, durante un congreso dedicado a Vicente Risco. O día que interviu, rematada a cea, comezou a tirar -como quen colle cereixas- unha anécdota tras outra, todas elas co denominador común de ter ao autor de O porco de pé como protagonista. Coincidín con el noutras ocasións, a derradeira en 2000, cando Casares participou na Universitat de Barcelona no acto de xubilación de Basilio Losada.

Lembrou daquela o inicio da súa amizade co profesor homenaxeado, cando este xa daba aulas na universidade e organizou unha Semana cultural galega coa insólita colaboración do alcalde Porcioles. Casares -que viña de publicar Vento ferido- foi invitado polo concello barcelonés. Preguntou por outros participantes e déronlle o nome de Uxío Novoneyra, con quen combinou a viaxe desde Lavacolla. E daquela viaxe contou uns cantos sucedidos que foron moi celebrados polo público que enchía a aula.

Cómpre distinguir entre contadores de anécdotas e sucedidos, e fabuladores. Dos primeiros era Casares un bo exemplo (como o era Manuel María, polo menos pola miña experiencia unha noite de xullo en Monforte, percorrendo unha e outra vez de punta punta os chanzos da escaleira que arrodea o colexio da Compañía). Explican con graza e detalles e case nunca son os protagonistas do narrado. Procuran situar o paradoxo ou a saída enxeñosa na solución das historias e aínda que poñan de cadansúa colleita, saben facer que semelle absolutamente certo porque os interlocutores son conscientes que diso non tiran nin proveito nin vaidade.

Por contra, os fabuladores adoitan situarse no centro do que narran e o adorna, ademais, con engadidos que as máis das veces son inventados. Aos bos fabuladores perdóanselles as falsidades se, polo menos, resultan orixinais e deveñen ben contadas. Pero non aturas aqueles outros que, cando os atopas, van e che contan unha historia como recente e, meses despois, noutro encontro volven explicarcha de novo como se sucedera o día anterior. Coñezo algún deses, cuxo nome calo por pura discreción e pola amizade que lle teño. Escoito as historias que me contan, si; pero xa hai tempo que deixei de crelas.

O sultán e o padre Silva

  • Unha das anécdotas daquela sobremesa ourensá trataba da lembranza que Casares di que recollera de Risco, cando visitou Ourense o antigo sultán de Marrocos Muley Hafid. Este persoeiro abdicara en favor do seu irmán Iussef en 1912 e estableceuse en Barcelona, primeiro nun luxuoso hotel e despois nunha casa modernista (que hoxe é o consulado de México). Estancia á que axudou a súa amizade coa cupletista Carmen Flores. Unha das partes de España que visitou foi o balneario de Mondariz e sería daquela cando pasaría por Ourense. O alcalde organizou un banquete na honra e cando observou que o ilustre invitado marroquí non tocaba a copa chea de viño, animouno cun "beba, don Muley, beba, que Mahoma no se le entera".E cando lembraba a súa primeira visita a Barcelona, Casares contaba como Novoneyra e máis el atoparon o enderezo do aloxamento que lles proporcionara o concello barcelonés, nun edificio no inicio da Rambla, xa desaparecido,nun andar que pertencía á sociedade municipal de minxitorios. Alí atoparon o padre Silva, o fundador daquela mítica escola de circo "Ciudad de los Muchachos", tamén participante na Semana galega. Subido nunha mesa enorme, que viña ocupar todo o centro do salón, o crego ourensán advertía aos rapaces que viaxaran con el: "Podedes saír por onde queirades pero se algún vai con maricóns, doulle unha hostia que o mato".