Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Músicas do pasado e da historia

Unha ollada atrás á canción protesta

A doutora en Musicoloxía Sheila Fernández culmina a investigación máis completa sobre este estilo musical nado no franquismo e que se extinguiu na Transición

Membros de Voces Ceibes, nunha foto de arquivo. // FDV

O percorrido da canción protesta galega -unha vaga musical que naceu no franquismo no ano 1968 para cantar contra as súas inxustizas- presenta historias de esperanza, ilusión pero tamén de desengano e frustración. Unha delas é a do cantautor Xerardo Moscoso quen inda hoxe vive exiliado en México. "Nos últimos anos da canción protesta, Moscoso tivo un problema. Xa traballaba como médico pero seguía cos recitais. Un día, acusárono de 'rojo' e o apuntaron cunha pistola. Tivo que exiliarse e marchou para Suiza. Coa morte de Franco, volveu pero denegáronlle o permiso de residencia. Actualmente, inda segue a vivir en México onde marchou e onde tiña familia", relata Sheila Fernández, doutora en Musicoloxía que vén de realizar unha completa pesquisa sobre a historia da canción protesta en Galicia.

O traballo leva o nome de "Galicia ollando a Cataluña: dúas fronteiras do movemento da canción protesta (1968-1980)" e foi a súa tese de doutoramento que lle valeu o sobresaliente cum laude na Universidade de Santiago e que nun futuro próximo se transformará en libro. A escolla do tema veu dada por unha cuestión particular. "Empecei coñecendo o mundo dos cantautores fóra de Galicia: os de América Latina, Cataluña, Portugal... e sorprendíame que en Galicia non eran tan coñecidos", sinala Fernández.

Esta musicóloga, de Xinzo da Limia, indicou que "a canción protesta galega, nun primeiro momento, exportou o modelo da nova cançó de Cataluña. En Galicia, fuxiron do folclore xa que estaba sendo usado polo réxime franquista a través da sección feminina".

Neses primeiros pasos, sitúase a primeira actuación. Nun inicio, estaba pensada para ser un recital o 30 de marzo na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo. Finalmente, celebrouse de xeito privado. "No 1968, a censura actuaba continuamente. Xesús Alonso Montero organizaba o recital e no momento de empezar, as autoridades civís -sen explica-la razón- anunciaron que non se podía levar a cabo", lembra a musicóloga quen engade que a actuación se desenvolveu na casa de Montero.

O que si se puido celebrar foi o recital do 26 de abril na Facultade de Medicina de Compostela tras unha asamblea universitaria. "O ano 1968 foi o gran estoupido da movemento estudiantil e a canción protesta posicionouse nese movemento. Os cantautores eran os universitarios dese marco de acción", engade Fernández.

Se ben os casos de cantautores que acabaron no cárceres foron moi exiguos en Galicia, non por iso a represión foi lene. "Houbo -sinala- moitas multas. As primeiras eran de menos cartos, unhas 5.000 pesetas (diñeiro abondo para a época) pero chegou a haber de 25.000. Ademais do problema de Moscoso, a finais dos anos 70, Suso Vaamonde tamén tivo problemas. Dentro dunhas cancións que interpretara, había unha estrofa que non falaba amablemente de España. Dictaron unha condea de cárcere contra el. Foi para o exilio, voltou e entrou en prisión onde pasou uns meses".

Conseguir estes datos e outros non foi doado debido a que as fontes documentais non son numerosas. Para encher ese baleiro, a musicóloga tivo que botar man de entrevistas, faltando a de Vaamonde porque falecera meses antes.

Un dos puntos que resalta a tese é o cambio que tivo a canción protesta cara ó final. De fuxir nun primeiro momento da raíz popular, pasou na súa evolución a reatoparse coa música tradicional "comezando a comprender que poden usar o material popular para a canción protesta", engade Sheila Fernández. Herdeiros desa mistura foron Fuxan os Ventos e Milladoiro. A aventura do colectivo Voces Ceibes deuse por concluída no 1974, se ben os cantautores continuaron a nivel individual. "Ó final, véronse superados polos modelos estéticos. Tamén me dixeron que os medios lles deron a espalda. Morto Franco, a xente xa non necesitaba cantar protesta e o circuito comercial tampouco os respaldou", culmina a doutora.

Compartir el artículo

stats