“Covardes” foi a primeira novela ou unha das primeiras novelas en Galicia que puxo a lupa sobre as vítimas da prostitución. Corría o ano 2001 cando se publicara por primeira vez, baseábase en feitos imaxinados pero ao mesmo tempo moi verosímiles datados a mediados dos 80, e agora volta a ver a luz na edición de Belagua pero en castelán. Falamos da novela de María Xosé Porteiro que onte presentou no Club FARO. No auditorio do MARCO, esta xornalista e escritora destacou que “os prostíbulos son campos de concentración a día de hoxe”.

Para facer reflexionar aos asistentes de que non se trata dunha hipérbole, plantexou varias cuestións: “Como se sae da prostitución? Como se entra, sabemos. É unha actividade normalizada? Non”, para a continuación sinalar que “agora a industria do sexo ofrece un produto extremadamente sofisticado, complicado. Porque os rapaces máis novos necesitan ese tipo de consumo?”.

Porteiro foi presentada pola poeta e pedagoga Luísa Abad; así como polo xornalista de FARO Fernando Franco. Abad, que escribiu o prólogo da obra, recoñeceu que no seu día impresionáralle “moitísimo” a obra. “Atopei un libro tan novidoso, que falaba de xeito feminista. A min, gustábanme Vázquez Montalbán e outros autores pero eran outras miradas”, indicou.

Pola súa parte, Franco pronunciou un introdución que contextualizou a época na que transcorre a historia, os anos 80. “Este é un libro moi real, escrito con nervo con Vigo como escenario local”, defendeu.

A novela preséntanos a un xornalista de FARO, de nome Paco, que se move polos altares da movida dos 80, incluído un clube de alterne, o Johnny´s (é dicir, o Telmo´s olívico da época) chave nas tramas sórdidas do libro. “FARO DE VIGO é protagonista e é fundamental para entender Vigo”, sinalou Porteiro na charla.

Unha das historias sobre as que escribe o xornalista protagonista é sobre a aparición no porto do corpo dunha muller morta. As pesquisas lévano a coñecer que era vítima da prostitución.

Precisamente, o libro –co que visitamos a antiga redacción de FARO na rúa Colón, o Nova Olimpia, o Kremlin, a primeira taberna do Eligio, mesmo a libraría Librouro...– fainos coñecer como mociñas do veciño Portugal, coa arela de ter un futuro mellor preparaban a súa maleta ou os seus mesmos pais a entregaban a homes ‘de negocios’ rumbo a Vigo na busca da prosperidade para, moitas, acabar nas redes imposibles de cortar de proxenetas.

Respecto ao xermolo da novela, María Xosé Porteiro, actual adxunta do Valedor do pobo, explicou que comezou a investigar sobre a prostitución na urbe olívica a raíz do encargo dun tema para o xornal no que traballaba naquela altura.

“Chamoume o director dicindo que precisaba unha reportaxe para o verán. Era 1994 e díxome que Marsella e Vigo eran iguais: había droga, prostitución, era unha cidade de fronteira. ‘Seguramente pola noite pasan cousas, díxome e empecei a buscar”, explicou.

Sen embargo, inda que preguntou e preguntou aos seus amigos homes ningún a puxo trala pista dunha muller prostituída. Non obstante, as investigacións chegaron aos oídos dun alto cargo do Consulado de Portugal que se puxo en contacto con ela para saber que estaba a buscar. Pouco despois presentaríase na redacción un home, de nome João, que durante varias tardes –e a cambio de diñeiro– lle iría contando e contando historias da mafia que prostituía a mulleres na cidade.

Finalmente, Porteiro gardou toda esa información nun caixón sen publicala. “Eu fun a primeira covarde”, recoñeceu, temerosa do que podería pasar se saía no xornal e “por ser imposible acreditar esa historia”.

A escritora viguesa recoñeceu que a súa covardía debeuse ao “medo” ante un “mundo escuro”. Non obstante, chegados os 90 armouse de valor e decidiu publicalo en formato libro. Inda lembra como ao pouco de publicalo Fernando Franco foi visitala a Santiago, onde residía ela, para facilitarlle unha mensaxe dun señor da noite de Vigo. “O recado era que ‘as nosas mulleres desaparecen pero non aparecen no mar [coma a asasinado no libro] senón que non aparecen’. Ese recado deixoume asustada”, recoñeceu a xornalista.

A valentía dunha xornalista e feminista que descubriu o potencial literario de Vigo

Asegura a profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra que “‘Covardes’ e a súa autora son pioneiros en descubrir o potencial literario da cidade de Vigo, durante demasiado tempo escasamente explotada pola literatura galega”, pero tamén por ser unha voz feminina a que ofrece un thriller, un xénero literario que ata entón estaba nas mans dos homes en Galicia. Confesa María Xosé Porteiro que foi “covarde” por renunciar nun inicio a escribir unha reportaxe sobre a prostitución en Vigo naqueles anos 80, pero se prestan atención a crónica do Club FARO vanse decatar que Porteiro, ao contrario, foi moi valente en publicar en “Covardes” que 20 anos despois nesta reedición de Belagua ábrenos os ollos ao pasado da maior cidade de Galicia, construída sobre os soños escachados de xentes ás que roubaron as arelas. Pero María Xosé Porteiro tamén é referente como xornalista nos primeiros tempos da democracia, coas súas reportaxes e informacións en xornais. Coa súa mestría na redacción, percorremos a historia dun país que acordaba dun soño. Dende entón, ten editado ensaios, novelas (“Sándalo”, “Buscando a Clara”...), tense convertido en concelleira na corporación municipal, en figura destacada da secretaría da Emigración no exterior e, agora, en vicevaledora do pobo, sen deixar a loita feminista.