Ata cando vai estar o señor Feijóo mentíndose a si mesmo e a todos galegos? Teño 82 anos, acudín o 10 de xaneiro do ano pasado ao servizo de cardioloxía do Hospital de Montecelo, en Pontevedra. Alí tiña que pedir cita para a próxima revisión. Supostamente non podería pasar máis dun ano de diferenza. Como aínda non estaban activadas as axendas das probas para o 2020, rexistraron a miña petición e adquiriron o compromiso de que programarán a miña cita e me informarán con posterioridade da data. Estamos en febreiro de 2020 e sigo sen ter novas de cando vou ter esa revisión. Xa pasou un ano e un mes e seguimos esperando porque aínda estamos en lista de espera.

É indignante que o presidente da Xunta de Galicia siga xogando coa saúde dos cidadáns, que siga facendo recortes que sufrimos todos. O paritorio de Verín, peche de prantas, listas de espera inmensas? está claro que enfermar en Galicia sae caro. Ata cando seguiremos aguantando o empeoramento do servizo público de saúde? Despois sairá na súa televisión (que parece ser que non é de todos debido o seu grado de manipulación) a dicir que a sanidade galega é estupenda e é a mellor de España. Está claro que o presidente vive unha realidade paralela ou é que no seu médico privado vai como cliente VIP e non é capaz de quitar os anteollos para ver o que está pasando co noso sistema público de saúde