Xa na recta final de Entroido, Vila de Cruces, a parroquia silledense de Laro e o centro comercial Pontiñas, en Lalín, protagonizaron a xornada de onte. Cruces fixo o desfile pero non polas rúas, como estaba previsto, senón no pavillón. No seu concurso, os gañadores en individual infantil foron, por esta orde, Mariñito (recibirá 40 euros); Bartolino (30) e Mary Poppins (25), mentres que en individual senior os gañadores foron só dous: A raíña roxa e Sandwich de repolo. En parella infantil, os tres premios recaeron en Pequenos faraóns (50 euros); Zipi Zape (40) e Oliver e Benji (30). No grupo infantil as mellores creacións corresponden a O xogo da Oca (135 euros), Marionetas revoltosas (95) e Grease (65). En grupo senior, os vencedores son Fant-Asia, de Cogami (170 euros), e Vanish (125). As carrozas premiadas son O desembarco vikingo (270 euros) e Corporación esperpéntica (150).

Pola súa banda, o Pontiñas Centro Comercial y de Ocio distribuiu 850 euros en premios. Os mellores disfraces individuais foron para Ratiño Lambón (recibiu 150 euros), Platillo Volante (100) e Globo (75). Na categoría de grupos impuxéronse Exipcios, de usuarios e persoal de Aspadeza (200 euros), Astronautas (100) e Souvenirs Lalín (75). En canto aos galardóns que premiaron a simpatía dos candidatos, na categoría de individual triunfou Marylin (150 euros) e o grupo Peppa Pig (100). Laro tamén tivo premios para os máis orixinais, así como unha chocolatada.