O pianista James Rhodes está a gañar por mérito propio o cartel de figura mediática de fóra de Galicia que máis fai pola normalización do galego. Certo é que no xogador do Celta Fran Beltrán está a atopar un duro competidor.

Precisamente, o ex director da editorial Xerais Manuel Bragado publicou hoxe un artigo de opinión en FARO no que eloxia a ámbolos dous polo seu esforzo por utilizar a lingua do país nas redes sociais. Un texto de sentido agradecemento que non tardou en ter a resposta do músico inglés afincado en Madrid.

No seu chío, James Rhodes, que durante a súa última estancia en Vigo publicou varias mensaxes en galego, refírese ao artigo de Bragado como "marabilloso e importante" e, co seu habitual humor inglés, agradece a todos aqueles que entenden o seu "gallenglish". Un esforzo por expresarse na lingua do país que xa levou a algún internautas a cambiarlle o James pola versión galega, Xaime.