Síguenos en redes sociales:

Cultura

Covelo estará presente nos Premios de Teatro María Casares

dramaturga Laura Porto compite coa obra “A Nai”

Covelo estará presente nos Premios de Teatro María Casares

Tn total de 19 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así o deu a coñecer a Asociación de Actores e Actrices de Galicia durante a Festa de Finalistas que tivo lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Na categoría de “Mellor Texto Orixinal” está a dramaturga covelense Laura Porto por A Nai, un espectáculo de Amorodio Teatro que fala sobre a historia de tres irmás de Ribadavia: Lola, Amparo e Julia Touza, que axudaron a persoas que fuxían do nazismo durante a II Guerra Mundial. Para escribir esta obra, Laura Porto realizou, xunto ao resto do equipo, un intenso traballo documental recollendo testemuñas, entrevistándose coas voces da memoria aínda viva e recompilando cada un dos poucos datos que quedaron rexistrados. A valentía destas tres irmás dá vida a unha obra que tamén afonda no papel invisible de moitas mulleres, na maternidade ou na migración provocada polos conflitos sociais, bélicos e políticos.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, en nome do grupo de goberno felicitou a Laura Porto por esta nominación “que nos fai sentir unha ledicia inmensa e decatarnos da importancia de loitar polos nosos soños e de que vivir no rural, en Covelo, non é ningún impedimento para acadalos”. E salienta que “Laura Porto é un exemplo do rural activo, cultural e inquedo, tesouros que volven ás nosas aldeas e dos que non podemos deixar de sentirnos orgullosos”.

Logo de traballar este verán no país veciño de Portugal, a dramaturga Laura Porto, que tamén comezou este ano a colaborar habitualmente neste suplemento, recibe esta nominación con ilusión e con moitos novos proxectos na bandexa de saída, proxectos nos que non faltará o compromiso social, non só a través da abordaxe temática, senón tamén na metodoloxía de traballo que ten como obxectivo achegar o teatro á veciñanza de cada recuncho de Galicia, procurando o contacto directo cos colectivos máis esquecidos.

Pulsa para ver más contenido para ti