A Guía: tradición e festa en Maceira

Durante tres días, a parroquia de Maceira, en Covelo, celebro cada 15 de agosto as súas festas na honra da Virxe da Guía, con verbena, xantar, xogos infantís, discoteca móbil e liturxia. 

De novo nesta edición, houbo procesión monte arriba, desde a igrexa ata a capela e ao cumio, para rematar con xantar popular en familia.

Subida a capela durante a procesión

Subida a capela durante a procesión / FdV

D.p.

A parroquia de Maceira, en Covelo, celebrou as festas na honra da Virxe da Guía ao longo de tres días nos que houbo verbena, xantar popular, xogos infantís, disco móbil e actos litúrxicos. Unha vez máis a Virxe da Guía da igrexa parroquial Divino Salvador subíu á ermida do Alto da Guía para xuntarse coa advocación da virxe que habita na capela.

Cada 15 de agosto a veciñanza porta a imaxe da Virxe da Guía da igrexa parroquial levándoa montaña arriba para se atopar coa advocación da virxe da Capela onde o Cruceiro da Fonte. Xuntas rematan a viaxe ata o cumio onde se celebra, non só a misa solemne e a procesión, tamén un popular xantar acompañado de música e postos ambulantes para mercar todo tipo de viandas.

Saúdo na capela durante a procesión.   | // FDV

Carpas para o xantar popular no monte / FdV

Ao longo destes anos son moitas as familias que se reúnen na romaría da Virxe da Guía e alí xantan e comparten alimentos co resto das familias. Antes de escurecer, os e as devotos baixan de novo a pé á virxe da igrexa parroquial para agardar, tres estacións máis, a volver saír de peregrinaxe pasando polo barrio do Castro.

As bondades da Virxe da Guía son sobradamente coñecidas entre a veciñanza da comarca que acuden pedindo unha mellora da súa saúde. Devotas e devotos ofrecen cera en forma de distintas partes do corpo á virxe na procura de alivio e axuda, tamén ofrendas que logo se subastan.

Apuntes históricos

Na visita episcopal de 1780 faise constar que a capela está decente e conta con todo o necesario para celebrar cultos relixiosos. Tamén se dí que nela poderase dicir misa cando se queira, menos os días de precepto en que os fieis deben asistir á igrexa parroquial.

Ademais da ermida podemos atopar, a doce metros da capela, un peto de ánimas coñecido como “Almiñas de Ponte dos Carros” . Lamentablemente o peto de ánimas foi froito do vandalismo e a imaxe dun Santiago peregrino está decapitada e fraccionada a man dereita.