Degustación e orquestras de elite na Festa do Choco de Redondela

Celébrase do 11 ao 14 | Actuarán Panorama, La Fórmula e Combo Dominicano

Volve a degustación baixo a carpa instalada no Campo da Feira.

Volve a degustación baixo a carpa instalada no Campo da Feira. / R.G.

A vindeira semana “Redondela convértese no lugar perfecto para degustar as mellores receitas con choco preparadas con mimo, pratos que queren mostrar a tradición e a innovación, onde non faltará a empanada de millo, o exquisito arroz con chocos ou os choquiños na súa tinta”. Así presenta a alcaldesa Digan Rivas a XXXVI Festa do Choco, “unha edición especial na que recuperamos o formato tradicional coa instalación da carpa de degustación e promoción no Campo da Feira, pero na que tamén queremos apostar polo formato desenvolvido durante os anos de pandemia, nos que a hostalaría local converteuse na protagonista”.

Así, na carpa do Campo da Feira haberá un total de sete postos nos que se servirán diferentes produtos, doces e salgados, en pratos, sobremesas e petiscos que xirarán arredor do choco, e logo, de xeito paralelo, once establecementos hostaleiros da vila ofrecen nos seus locais menús especiais enmarcados nas que serían xa as III Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela, que neste caso desenvolveríanse ao longo de toda a semana, dende o luns 8 ata o domingo 14.

A festa abrangue catro intensos días de actividades, do 11 ao 14 de maio, coa actuación da orquestra Panorama na xornada inaugural, o vindeiro xoves, a partir das 22.00 horas no Campo da Feira.

A carpa cos postos de degustación do choco abrirá a partir das 19.30 horas do venres 12, e durante a fin de semana funcionará en horario continuado dende ás 10.30 horas. Nese mesmo día tampouco faltará a música, primeiro da man da Orquestra de Saxos, ás 20.00 horas na Alameda, e ás 23.00 horas verbena amenizada por El Combo Dominicano.

Xa a fin de semana preséntase cunha axenda festiva repleta de actos para todos os públicos onde o Choco de Redondela comparte protagonismo coa música. O sábado actuará o grupo de música tradicional Airiños de San Simón, a Rondalla de Redondela e a orquestra La Fórmula; e o domingo a Banda de Música de Chapela, Gure Terra e Pandeirela, Tanto nos Ten, Buidño e Lontreira.

Tamén haberá unha demostración culinaria en directo con David Couñago, o sábado ás 13.15 horas; celebrarase a IX Scooterada Vespartana, con saída na Praza de Ribadavia, e a cita co pregón será o domingo 14, ás 12.30 horas, a cargo do grupo teatral Tanxarina integrado por Ricardo Cunha, Andrés Xiráldez e Luis Borines.