Conta a lenda que hai séculos vivía en Redondela un dragón que levaba as rapazas máis fermosas da vila para a súa guarida, situada baixo a ponte da Illa de San Simón. Os mozos mariñeiros fartos das maldades da becha decidiron darlle caza alzando as súas espadas e tras unha longa batalla estes resultaron vitoriosos. Unha vez medio morto o animal rescataron as súas prisioneiras e levaron o corpo ao centro da vila, onde os mariñeiros, agarrando as espadas uns dos outros, comezaron a bailar ao redor do tormento ao que deran fin.

Para lembrar esta historia ancestral, todos os anos no desfile do Corpus Christi sácase polas rúas unha figura da Coca e realízase a Danza das espadas e das penlas. Unha tradición que a días de hoxe é xa festa de interese turístico de Galicia.

A vila dos viadutos está a vivir a fin de semana grande da Festa da Coca. Dende a tarde do mércores e ata mañá hai programada unha morea de actividades para pequenos e maiores, nas que ademais de lembrar a lenda deste personaxe mitolóxico, con desfiles, procesións e bailes, a música, con concertos e verbenas está a ser a outra gran protagonista. Así, esta mesma noite actuarán Los Secretos e, a continuación, a orquestra Ritmo Joven. E mañá, El Combo Dominicano porá o broche de ouro. Antes, pola mañá, a Coca volverá desfilar cos mordomos e diañiños, xigantes e cabezudos e, trala misa, procesión polas rúas decoradas coas alfombras florais que confeccionarán a vindeira madrugada acompañada pola Danza das Espadas, das Penlas.

Hoxe sábado

Banda de Música de Arcade 11.00 horas. Alborada

Banda de Música de Arcade 18.00 horas. Concerto na Alameda de Castelao

Los Secretos 22.00 horas. Concerto no Campo da Feira

Elaboración alfombras florais. Rúas de Redondela

Mañá domingo

Banda de Música de Chapela 10.00 horas. Alborada

Desfile da Coca 12.00 horas. Acompañada cos mordomos e diañiños, xigantes e cabezudos e o grupo de gaitas O Carballo das Cen Pólas

Misa, procesión e danza 12.00 horas. Misa na Igrexa de Vilavella, procesión polas rúas de Vilavella decoradas con alfombras florais, acompañada pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Chapela. Baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas na Praza de Ribadavia.

Patina na rúa 18.00 horas. Pista da Xunqueira

Banda de Música de Chapela 18.00 horas. Alameda de Castelao

El Combo Dominicano 22.00 horas. Campo da Feira