Tui está a ser estes días o escenario de exhibición do mellor cinema internacional. Dende o pasado mércores e ata mañá domingo acolle o XVIII Play-Doc con obradoiros e seminarios, actuacións musicais e, sobre todo, proxeccións de curtas e longametraxes das que mañá se coñecerán as gañadoras.

Retrospectivas inéditas

Nunha traxectoria que en breve abarcará dúas décadas, o Festival Internacional de Cinema de Tui, destaca por presentar catro retrospectivas inéditas en España, dedicadas tanto a recoñecidos directores e figuras lendarias do cinema documental, como a outros moitos cineastas esquecidos, censurados, perdidos ou sinxelamente descoñecidos. Eles son Helke Misselwitz (1947), unha das realizadoras máis importantes da última xeración da DEFA (a primeira compañía cinematográfica fundada trala Segunda Guerra Mundial baixo a ocupación soviética e o único estudo cinematográfico en Alemaña Oriental); Danny Lyon (1942), prestixioso fotógrafo da Magnum, cuxo libro The Bikeriders (1965) está considerado como un dos documentos fundacionais do chamado Novo xornalismo; o realizador norteamericano Richard P. Rogers (1944 – 2001), un célebre director e produtor de cinema de non ficción así como un mentor e profesor en Harvard, onde daba clases de fotografía e cinema e a cuarta retrospectiva desta edición está protagonizada polo portugués António Campos (1922-1999), cineasta amateur nacido en Leiria, e para celebrar o centenario do seu nacemento, Play-Doc presenta en colaboración coa Cinemateca Portuguesa- Museu do Cinema e o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), a primeira retrospectiva española dedicada ao cineasta luso, que supón á vez a estrea mundial da súa obra recentemente restaurada e dixitalizada polo Arquivo Nacional das Imagens em Movimento.

Bruce Weber

O recoñecido fotógrafo e cineasta norteamericano Bruce Weber volve elixir o festival galego para a estrea española, en sesión especial, do seu filme máis recente The Treasure of His Youth: The Photographs of Paolo Di Paolo (2021). A proxección será esta noite, ás 22.30 horas, no Teatro Municipal.

Pezas a concurso

As películas que conforman a competición internacional de longametraxes son Journal d’ Amerique (2022) do cineasta francés Arnaud des Pallières, Footnote (2022) do realizador de orixe chinesa Zhengfan Yang, Kind Hearts (2022) dos belgas Olivia Rochette e Gerard-Jan Claes, Europe (2022) do director alemán Philip Scheffner e a cinta portuguesa Terra que Marca (2022) do novo realizador Raul Domingues

Na categoría de curtametraxes internacionais compiten a coprodución anglo-española Agrilogistics (2022) do realizador Gerard Ortín Castellví, Caught in the Rain (2021) dos directores belgas Elie Maissin e Mieriën Coppens, Silabario (2021) de Marine de Contes, Policephaly in D (2021) do realizador norteamericano Michael Robinson e a estrea española da última película do cineasta francés, Jean-Claude Rousseau, que veu a Tui a presentar Le Tombeau de Kafka (2022).

Na categoría Galicia compiten Escribir o imposible de Simone G. Saibene, Liquid ground de Enar de Dios, Memoria de Nerea Barros, Ningún río me protexe de min de Carla Andrade, O ceo é azul cunha soa nube de Fernando Areal, O futuro é das cabras de Óliver Laxe, O niño dos paxaros de Lucía Estévez, O que queda de Alejandro Rodríguez, O sementador de estrelas de Lois Patiño, O último de arganeo de David Vázquez, Tatuado nos ollos levamos o pouso de Diana Toucedo, Un ceo impasible de David Varela e Welcome to ma maison de Andrés Goteira e fóra de competición proxectouse, no acto inaugural, Sycorax de Lois Patiño e Matías Piñeiro.

Música

A música en directo foi desde sempre un complemento imprescindible do Play-Doc e unha das sinais de identidade do certame.

Niño de Elche encabeza o cartel dos concertos desta décimo oitava edición de Play-Doc. Presentará un espectáculo en dous actos, a primeira parte da proposta basearase no seu último disco titulado “La Exclusión”, que desenvolveu xunto ao músico e compositor Raúl Cantizano, as imaxes que acompañarán este primeiro movemento pertencen á colaboración co cineasta galego Lois Patiño, nun proxecto que trata de concienciar sobre a situación dramática dos asnos en España; a segunda parte estará marcada por diferentes pezas e cancións doutros proxectos que este artista foi desenvolvendo en diferentes producións ao longo da súa carreira. O concerto será mañá domingo, ás 20,30h no Teatro Municipal de Tui, logo do cal se procederá a entrega de premios, primeiro será a quenda dos filmes da sección Galicia e curtametraxes, no Seminario Menor de Tui, e logo das longametraxes, no Teatro Municipal.

Así mesmo, o festival tamén contou coa actuación en directo da banda galega NACHO • FAIA • LAR, formada por tres artistas referentes da vangarda musical galega: Nacho Muñoz (Igmig) ao piano e electrónica, Faia Díaz (FAIA, de Vacas) na voz, e LarLegido (Sumrrá) na batería. Eles foron os encargados de poñerlle música á xornada inaugural do festival, o pasado mércores.