O Concello de Ponte Caldelas segue traballando en prol da recuperación da historia da vila e nesta ocasión faino coa posta en valor das Casas Indianas. Na primeira fase do proxecto, levado a cabo polo arqueólogo Alberte Reboreda, sinalizáronse cinco vivendas con especial protección: a de Clotilde Fernández, a de Dolores Méndez, a de Laurentino Leiro, a da Rúa López Boullosa e a de Manuel Rodríguez.

Todas foron sinalizadas cuns paneis de aceiro inoxidable con deseño exclusivo nas que se fai unha descrición arquitectónica e estilística da vivenda que, a través dun código QR, se pode ler en tres idiomas. Todos os paneis conteñen unha ilustración de cada unha das casas e unha referencia literaria sobre a arquitectura indiana.