“Unha coidada selección de 24 experiencias para gozar desta comarca tan atractiva na que o hóspedes séntense como na casa"

“Unha coidada selección de 24 experiencias para gozar desta comarca tan atractiva visitando adegas fantásticas que producen excelentes viños, saboreando unha cociña na que tratamos con todo o cariño do mundo os mellores produtos, descansando en hoteis e casas rurais nas que o hóspedes séntense como na casa, coñecendo este territorio e as súas historias da man de guías expertos e moi profesionais ou probando produtos tan ricos como o requeixo ou as rosquillas de Ponteareas”, así presentaba Marisa Domínguez, en representación do tecido empresarial, o novo produto turístico da comarca, o Pasaporte ao Condado Paradanta, “a nosa criatura, fermosa por fóra e por dentro”.

Representantes institucionais e empresariais no acto de presentación do pasaporte no auditorio de Ponteareas. | // ANXO GUTIÉRREZ Anxo Gutiérrez

Esta semana foi presentado dobremente, primeiro no salón de usos múltiples do auditorio municipal de Ponteareas e logo en Madrid, durante a celebración de Fitur.

Pasaporte ao Condado Paradanta é unha iniciativa singular é única en Galicia promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta, que permite aos seus usuarios acceder a unha coidada selección de 24 propostas exclusivas en empresas turísticas da zona. Deste xeito, esta credencial permite obter unha serie de vantaxes para aqueles que opten por aloxarse en determinados hoteis ou casas rurais da comarca, gozar da gastronomía e dos deliciosos viños da zona, coñecer fermosos recunchos da man de guías con gran experiencia, mercar produtos de calidade ou achegárense ao patrimonio cultural dos dez concellos que integran o GDR.

A iniciativa ten, pois, como misión atraer e fidelizar a chegada de turistas á comarca conformada polos municipios de Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas

O sector turístico é, sen dúbida, dos máis afectados pola pandemia da COVID-19 e por iso con esta iniciativa inténtaselle dar unha inxección de avance. Así o expuxo o presidente do GDR, e alcalde de Covelo, Pablo Castillo, que definiu o pasaporte como “o resultado dun traballo complexo e delicado á vez”. Nesta liña, expuxo durante o acto de presentación tres ideas asociadas ao lanzamento deste produto, “no Xeodestino Condado Paradanta contamos con moitos recursos para construír un destino turístico singular e multiproduto, que, precisamente un deses recursos sodes vós, as empresas que seguides apostando por esta terra antes e agora, e o terceiro, o acerto dos dez concellos de pór en marcha este Xeodestino, fai algo máis de tres anos e facer do turismo un dos motores económicos do noso territorio”.

El pasaporte al Condado Paradanta

Como funciona

Os usuarios deben facerse cunha copia física do pasaporte nos establecementos que forman parte deste proxecto e cubrilo cos seus datos persoais. Unha vez estea activo o documento, cómpre reservar con antelación o servizo ou produto do que se queira desfrutar avisando que se é usuario do mesmo. Cada vez que o documento se empregue nun local ou establecemento, este debe selar o recadro correspondente.

Podes atopar o PCP nos establecementos do Xeodestino Condado Paradanta que participan neste proxecto e que están identificados adecuadamente.


  1. Segue as súas instrucións, completa os teus datos e a enquisa de validación do PCP que atoparás nesta páxina. En canto recibas o correo electrónico de confirmación poderás empezar a usar o teu PCP.
  2. Escolle as experiencias que máis che gusten e goza delas con quen queiras e cantas veces queiras.
  3. Cada vez que uses o PCP, lembra que deben selarche o recadro correspondente. Se queres repetir algunha experiencia, faino, e selaranche un novo recadro. Ademais, deberás completar unha pequena enquisa, seguindo o código QR en cada experiencia.


Reunidos un determinado número de selos o usuario entra no sorteo de agasallos, experiencias únicas ou produtos/servizos de diverso tipo que farán a súa estancia nesta zona de Galicia inesquecible. Para elo han de enviar unha imaxe da folla do pasaporte onde se recollan os seus datos e os selos mediante mensaxe de WhatsApp ao número 986 663 329 e contestar a enquisa que obterán do escaneo do código QR.

1.000 exemplares de carácter promocional e gratuíto.

Nesta primeira edición editaranse 1.000 exemplares de carácter promocional e gratuíto. A iniciativa estará activa ata o vindeiro 31 de decembro e todas as empresas participantes contan con algún selo de calidade turística como o SICTED ou a Q de Calidade Turística.